Na columna de hai dous días falaba de que non ía ser doado que nos centros de ensino se mantivese a prudencial distancia de metro e medio entre o alumnado e apuntaba que non sería mala cousa que o novo conselleiro fose quen de amañar a complicada situación.
Pois parece que vai ser que non. Non ben enviara ese artigo ao xornal, xa me chegou a noticia dun novo mareo de perdiz, tomadura de pelo, falta absoluta de respecto aos traballadores do ensino ou como cadaquén lle queira chamar. Desde logo nada bonito, a non ser que pretendamos seguir os pasos de Nipper, o canciño Jack Russell Terrier retratado polo pintor da época vitoriana Francis Barraud, no cadro que titulou “His Master’s Voice”, millentas veces reproducido nos discos de vinilo da RCA Victor que tanta xente temos visto e escoitado.
Porque, máis unha vez, a Consellería de Educación da Xunta volveu mudar o protocolo, que pon de manifesto un cambio de postura a respecto do prometido reforzo dos planteis de profesorado –que vai ser cero– e iso vai impedir os desdobramentos de grupos programados, co cal o número de alumnos por aula vai ser o mesmo de cursos anteriores, isto é, vai estar, en innúmeros casos, por enriba dos 25 –e xa eran moitos– de máximo estipulado. Non debemos perder de vista que, se ben o ministerio recoñecía 15 como cifra ideal e instaba a que non se superase o número de 20, a Consellería de Educación sempre manifestou que 25 estudantes por aula era suficiente para manter a seguridade.
Ese elevado número significa que, maioritariamente, non se vai poder manter a distancia de metro e medio pactada por todas as comunidades autónomas, agás a de Euskadi, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, adoptado en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación o pasado 27 de agosto. Neste punto non esquezamos a machacona insistencia de Núñez Feijóo -e doutros/as presidentes/as autonómicas-, ao longo do mes de agosto, falando da necesidade dun protocolo único para todo o Estado. Pois ben, no punto 6 do apartado C), o referido á “Limitación de contactos”, dise: “De forma xeral, manterase unha distancia interpersoal de cando menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo”. En Galicia vaise, pois, incumprir o acordado hai 15 días. Queren subsanar o recorte métrico co uso de mamparas, que, iso si, van custar un pastón.
A situación resumíaa moi ben nas redes o amigo Suso Basterrechea: “Onte claustro, desdobres, reparto horarios... hoxe á merda os desdobres, mamparas!!!! É unha puta coña”.