DIVULGAR FORMANDO

Se a Unión Europea non muda de rumbo, malia os atrancos e os pobres resultados e as declaracións de rectificación, é porque a tendencia actual segue sendo funcional aos grandes poderes económicos e aos estados máis poderosos, especialmente Alemaña.

Non poden argumentar a esta altura que se trata dunha crise conxuntural, xa que detrás de cada medida de axuste preparan outra, e ningunha polo momento deixa ollar o final do túnel.

Fai falla mellorar a comunicación, conectar o concreto co xeral, é necesario divulgar formando

O capitalismo globalizador e neoliberal tende á expansión e a unificar por abaixo a nivel mundial os custes de materias primas e salarios, aproveitando a man de obra de reserva universal, o poder militar e a hexemonía ideolóxica das clases dominantes.

Sempre foi deste xeito para aumentar a taxa de lucro. É a esencia do capitalismo desde a súa orixe, así como a tendencia natural a centralizar e concentrar a riqueza. Só a resposta popular, mediante a mobilización masiva, a organización sólida e as alternativas axeitadas, permitiron en determinados períodos históricos controlar o xenio maligno saído da botella.

Sen dúbida nalgún intre os retrocesos rematarán e comezará a se crear emprego neto, abríndose unha nova xeira de loitas reivindicativas. Sempre foi así en todos os momentos históricos.

Porén non se pode esperar pasivamente que a situación mude, porque cada paso atrás custará reconquistalo anos de sacrificios. Trátase de que, malia as dificultades, hai que evitar por todos os medios novos retrocesos nas condicións laborais, nas prestacións e servizos sociais públicos, e na presión fiscal.

E para iso, ademais de dar pulo á mobilización social dos sectores afectados e da militancia organizada, cómpre conseguir a complicidade da maioría da sociedade. Fai falla mellorar a comunicación, conectar o concreto co xeral, é necesario divulgar formando.

DIVULGAR FORMANDO

Te puede interesar