Ferrol ten un vínculo moi especial con Alberto Garzón. Na nosa cidade deu o primeiro mitin como tal da súa vida. Foi hai case catro anos, durante a anterior campaña das municipais. Eu recordo que me dixeron que viña un rapaz, economista, e que participaba de forma activa nun 15 M en plena explosión. A verdade é que fóra de círculos moi informados non o coñecía ninguén, eu tampouco. Malia a falta dunha presenza potente de fóra conseguimos encher o Jofre. Foi entón cando o vin, case un neno, e pensei, “Deus que gol nos meteron”.
Dixémoslle que só tiña dez minutos e contestou que non lle chegaban, pareceume que ademais debía ser un pouco chulo. Logo subiu ao escenario e ofreceu un dos discursos políticos máis impresionantes que viu esta cidade, que xa foi testemuña duns cantos. Era o futuro, hoxe é un presente difícil pero ilusionante. Aquel día levantoume a moral e aínda que só sexa por iso eu vouno apoiar sempre.