Pobres políticos

Non teñen sorte os políticos do PP galaico con isto das vacacións. A presenza de Rajoy por estes pagos obrígaos a estar de garda, á espera de que haxa algún acto que requira da súa compaña e a estaren localizados permanentemente. De modo que todos aprazaron os seus días libres, estes oficiais, até que marche o capo para terras da meseta castelá. Mentres tanto, os líderes dos partidos opositores cargan adrenalina e forza e quedan os subalternos asinando comunicados de prensa para continuar a ofensiva.
A verdade é que todos deberían de pasar unha tempada de vacacións obrigatorias e que o DOG publicase a principios de ano os día libres que lle corresponden, porque non se sabe cantos son, porque así aproveitan para ter máis tempo de lecer que a maioría dos traballadores normais e correntes. Por exemplo, hai presidentes que desaparecen unha quincena sen que ninguén dea explicacións, outro tanto ocorre con algún alto cargo que está sen dar noticias súas até que salta por aí que está tratando un asunto importante na república Dominicana.
Para optimizar recursos vacacionais políticos está o exemplo daqueles que aproveitan algunha reunión do partido para pasar uns día de turistas na cidade que corresponda. Comparten coche e hotel e gozan de días para coñecer mundo, que boa falta lles fai, que desde que non hai servizo militar obrigatorio moitos nin saben como é o resto do mundo.
En varias ocasións coincidín con algún político en lugares, vilas ou sitios de veraneo. E teño que dicir que mentres lle daban ao refresco ou bebida correspondente non se desapegaban do seu instrumento de traballo, a saber: o teléfono móbil. Tras unha análise detallada da súa actitude nunha hora resulta que ninguén chamaba por eles, de tal modo que se vían na obriga de conectar para dar a entender que estaban ocupados. Outros nin se cortaban e incluso falaban de asuntos serios que un entendido consideraría información valiosa. En todo caso os políticos autóctonos pouco afortunados coas súas vacacións son a conselleira dos montes, de garda por se hai fogos, que polo momento son escasos á espera de que se reactive a actividade incendiaria cando veñan uns día de sol; a responsable do turismo galaico, que sería de mal exemplo que se marchase en agosto ás Canarias despois de estar o resto do ano facendo publicidade destas terras; e os responsables do mundo da cultura, que con tanta festa e exaltación poética e gastronómica non teñen días libres. Así que para ser político de vacacións mellor ser concelleiro, un pleno ao mes e pouco máis.

Pobres políticos

Te puede interesar