Olimpo celta

Todo o territorio galaico é de grande beleza artística, paisaxística e cultural, polo menos iso é o que se pode ler nas guías turísticas que glosan este recanto de terra perdido entre varias civilizacións e cuberto de muíños de vento e urbanizacións. Pero as próximas edicións dos manuais de peregrinos, cruceiristas e condutores de autocaravanas que poñan o pé en solo autóctono deberán citar o aspecto lunar ou volcánico do panorama, porque cos anos xa pouco verde haberá que ver.
O mesmo que a serra do Xurés ou as fragas do Eume o monte Pindo tamén caeu baixo as brasas da indiferenza e o descoido, o mesmo que pasou con outros lugares emblemáticos e que se repetirán en próximos veráns, mentres non haxa política forestal ou de turismo civilizado. O Olimpo celta debería ser un punto de viaxe e exploración e non un lugar de botellón como sucede, onde os novos vándalos fan lumeiradas e pintan os seus nomes nas rochas.
Por aquí somos moi dados a queimar símbolos, sobre todo por descoñecemento do que temos, algo que nin os libros de Historia reflicten porque os nosos rapaces acaban o ensino básico sen coñecer nada de Galicia. Agora que a verdade é que os galaicos somos ignorantes por natureza e o máis que chegamos a saber de memoria son as sucesivas formacións do Real Madrid. Se soubésemos algo máis talvez as fragas ou o Pindo non arderían.
A herdanza celta parece que é unha maldición que nos persegue, así que seguimos o devir daqueles pobres homes que pasaron por aquí e os galaicos actuais mantemos a mesma actitude, estamos no mundo porque ten que haber de todo. Así que se quedaba algunha árbore no monte Pindo que vise partir a armada de Jofre de Loaysa, integrada por ducias de galegos á descuberta de Australia e a poboar a Polinesia, quedou xa abrasada.
Moitas historias se poderían contar se as pedras do Olimpo celta falasen, pero quedarán difuminadas entre os rescaldos e nas escorrentas que se formarán coas próximas chuvias levando parte do noso pasado a esluírse nas augas do Atlántico, as mesmas que viu engulir o sol Decimo Iunius Brutus, cando chegou ás faldras do monte Pindo tras arrasar a sangue e fogo aos poboadores galaicos, máis ou menos como pasa na actualidade, aínda que sexamos agora os autóctonos os que teñamos trazado o plano da nosa extinción.
Cando se apaguen estas chamas volverán outras ao Olimpo celta, así que non queda outra que establecer alí un posto de xelados como paso previo á construción dun hotel, porque de perdidos no queda outra que lanzarse desde a fervenza en parapenting.

Olimpo celta

Te puede interesar