As cousas da política non hai quen as entenda. Resulta que unha destacada persoeira do PP, partido que sempre foi partidario da “dedocracia”, reclama “un militante un voto” e pide “primarias”, sendo criticada por esta iniciativa, que podería aportar un pouco de frescura, ao reseso ambiente do panorama político do país. Por outra banda, un sobranceiro persoeiro do PSOE, que presume de talante democrático, aconsella a un membro do seu partido que non se presente ás primarias, mentres outros afiliados tachan de traidor a quen se presenta como candidato. Pois ben, a xente, malia o descoñecemento do funcionamento interno de cada partido, debería preguntarse para que son as “primarias” se non é para se presentar calquera e poder elixir o mellor, entre moitos candidatos. Coido que esa é a esencia da Democracia, porque se non, haberá que supoñer que todos eses que se chaman demócratas, son en realidade como os que antes eran alcumados “de-moca-atrás”. Lembrades?