Convenio con Defensa: de Mato a floresta?

antas veces os apelidos non responden ao seu significado! Há Calvos con boas guedellas como há Freires rexamente anticlericais. Eis tambén, o caso do actual alcalde socialista de Ferrol, Angel Mato.  
Mato vén de mata, bosque ou floresta. Anque é, a un tempo, sinónimo de confusión ou labirinto. Mais o actual alcalde non semella moi amigo das florestas e si, en troques, dos labirintos verbais cando anuncia nos xornais, en vésperas de se agostar a atención política dos ferroláns, que vai pechar canto antes o convenio con Defensa.
Así, a todo filispín, anunciao nun xornal, cos ferroláns despistados, abafados pola calor e mesturados cos turistas ao longo das terrazas da cuadrícula. Disque para axilizar a cousa que levaba parada varias décadas. Non haberá cambios no acordo do mandato do PP de Rey Varela. Alega que é prioritario e que vai permitir moitas actuacións moi importantes para a cidade e como os anxos, que endexamais tripan o mundo terrenal, esas actuacións fican sen concreción. Mais eu adoito pensar que na política a inconcreción sempre, sempre se traduce en ocultación. 
Poñamos en situación:
E se vostedes foran donos do 20% dos terrenos do concello de Ferrol e nunca tiveran pagado impostos? Nin IBI, nin impostos de recollida de lixo, saneamento...nen rabos de gaitas. 
E se non tiveran que facer ningún mantemento ou reparación porque xa o concello se encargara gratuitamente da súa propiedade? E se logo de toda esta ganga durante décadas e décadas, vostede conseguira colocarlle ao concello as súas propiedades abandonadas, que xa non lle interesan, por un montante de case un millón de euros, propiedades que, por riba, vostede mesmo expropiou? E non calquera propiedade senón os terrenos escollidos por vostede coas mellores vistas, mellor situados e en solo cobizado polos meirandes piratas do tixolo.
Moitas actuacións moi importantes significa que Defensa vai recibir unha contraprestación de 560.000 euros a maiores dos 140.000 que xa recibiu de todos nós.
 E que o povo,  a traverso do seu concello, vaise endebedar ainda máis pagando ao Ministerio por unhas propiedades que terían de ser cedidas de balde para compensar non só as expropiacións, no seu día, senón tambén o ter sacrificado unha cidade en beneficio dunha política centralista e allea aos intereses galegos.
Certamente, ben pouco responde o seu apelido á política do actual alcalde pois da grande superficie do acuartelamento Sánchez Aguilera, que na organización política Ligando defendemos como pulmón central da cidade, Mato vaille conceder os dous tercios (59.417 metros cadrados) a Defensa para a súa edificabilidade. 
É dizer, que o concello fica somentes con a redor dun tercio da superficie que despois de construir a Residencia de Estudantes, que de amplas van ser as zonas verdes e deportivas? Así que moito Mato non vai ser! Tampouco nos clarexa que vai pasar con esas case 600 vivendas novas incluídas no convenio que pretende asinar nin ese centro comercial que, de se construir, será o finiquito do esmorecente comercio local.
O alcalde Mato chegou pedindo estabilidade e eficacia. Chegou co apoio de FeC e do BNG que logo ficaron sen ser socios de goberno. Mais co seu apoio anti-PP facilitaron que hoxe teñamos un governo continuista do PP sen pedir nada a cambio e alegando que así evitaban a chegada de este.
Estabilidade e eficacia dun Psoe que comeza cunha suba salarial, segue cunha negativa a deixar falar nun pleno á plataforma pola remunicipalización dos servizos básicos e continúa cun anuncio dun cheque en branco á especulación urbanística e ao endebedamento do concello durante décadas cun convenio con Defensa tan gravoso con Ferrol como vergoñento. 
Tantas veces os apelidos non responden ao significado como os nomes propios. 
Porque se é certo que en astronáutica o anxel é o eco de radar causado por calquer cousa invisível a ollo nu, o anxo da garda tería de custodiar ou protexer e, ao que parece, a política do novo governo socialista de Ferrol é ben máis lesiva que protectora para os intereses da maioría dos ferrol@ns.

Convenio con Defensa: de Mato a floresta?

Te puede interesar