Había unha vez

|

Así soen comezar os contos ou as historias que semellan contos. Falando o outro día cun amigo coñecedor de parte do meu anecdotario a traveso do mundo da música, pedíame que compartira eses momentos cos meus lectores e eu dicíalle: pero a quen lle poden interesar as miñas aventuras? Vai ti a saber! Pero ti conta e xa iremos vendo. Pois a ver, así aos poucos irei relatando algunha cousa que poida resultar cando menos curiosa. E vou comezar dicindo: había unha vez un neno, eu, que chegou a coñecer a Antonio Molina: non só a coñecelo senón que tiven a ousadía infantil de cantarlle, así na súa cara, o seu “Soy Minero”. Disto pasou, coma poden imaxinar, moito tempo, moito.
Resulta que parte da compañía do célebre cantante viña a Ferrol, ao teatro Jofre. Un tio da miña nai formaba parte naquel tempo dese elenco artistico e faloulle ao seu xefe e amigo da súa famila ferrolá pois el quedara en Barcelona con parte do equipo loxistico nos preparativos da xira catalá. Antonio Molina pediulle o teléfono da nosa casa porque desexaba invitar persoalmente aos familiares do seu amigo ao evento no Ferrol. Contactou co meu pai e quedaron nunha cafetería que lle chamaban “Iberia” situada enfronte ao Casino as cinco en punto. Sinto non dar coa data exacta porque co tempo algúns detalles quedan diluídos na memoria. Pasaron moitos, moitos anos e eu era un cativiño. Pero estiven alí. Recordo que moita xente que pasaba pola rúa Real se achegaba a pedirlle autógrafos e eu só era testemuño da conversa que mantiñan os maiores, ata que o meu pai que era un lieiro díxolle que eu estaba a estudar piano e que ademáis cantaba. Pois imos a escoitalo! dixo resolutivo e xentil o Molina, e como non era custión de poñerme a elo na rúa, resolveron ir ao despacho do meu pai que estaba a escasos metros da cafetería. E alí arranqueime intrépido con: Yo no maldigo mi suerteeeee... diante de tan egrexio personaxe e ademáis autor daquela canción que fora tan popular. Lembro a agarimosa aperta e o bico na fronte con que me obsequiou e camiñando fomos a acompañalo ata o hotel Suizo. Non volvín a velo nunca máis en persoa. Meus pais foron a aquela representación no teatro Jofre aceptando encantados a invitación que o artista lle prometera ao tío Fernando. En canto a min, se ve que era moi pequeno para aquelas lerias e quedei na casa na custodia dos avós, coma é natural. 
 

Había unha vez