O coxuntural non marca a tendencia

O Goberno galego gábase porque a economía medrou o último ano igual que a media do Estado español, un 3,6%, aínda que por debaixo das nacionalidades e autonomías do Mediterráneo, xa que a súa locomotora é o turismo. Mais, este crecemento do PIB non se trasladou totalmente ao emprego. Tampouco os novos afiliados á Seguridade Social, pouco máis de 14 mil, coinciden coa queda do desemprego, uns 21 mil. Razóns: a emigración e o retorno de inmigrantes ao seu país de orixe. 
A este ritmo, baixar a taxa de paro ao 5%, unha cifra que os economistas consideran estrutural no capitalismo, vai levar uns 15 anos, sempre que se manteña o mesmo ritmo de crecemento da economía. Algo improbábel, porque o medre actual ten moito de conxuntural: consecuencia dos problemas de países que compiten no sector turístico (Tunisia, Exipto, Grecia, etc.), da baixada do euro e do prezo do petróleo, da expansión monetaria do BCE. 
A queda dos salarios tivo un papel secundario nesta recuperación. Calquera vantaxe competitiva neste aspecto sempre será moi conxuntural, xa que rebaixa o consumo interno. Ademais, países tan avanzados como Francia apostan pola deflación social. A única virtude desta vía é aumentar a desigualdade e contribuír a concentrar a riqueza e o poder nas clases dominantes. 
O desenvolvemento só se pode manter coa mellora tecnolóxica, incrementando a calidade e cunha comercialización eficaz. Outro aspecto determinante é reducir ao máximo a dependencia exterior, para non estar subordinados as flutuacións dos mercados internacionais, ás estratexias de poder das potencias imperialistas, e á economía de escala e intereses corporativos. 
Esta non é a vía escollida na Galiza, onde a Xunta segue cegamente os ditados de Madrid e aposta pola globalización neoliberal. Malia que para a Galiza este proceso implica a desfeita de sectores estratéxicos, como o leiteiro e naval, e o retroceso demográfico. 
Sen un executivo que poña as clases populares galegas no centro das súas políticas, nunca se rachará con esta tendencia regresiva, por moitas que sexan as potencialidades da nación galega e maiores os esforzos das xentes que a habitan.

O coxuntural non marca a tendencia

Te puede interesar