FINAL DE ANO

Hai poucos días lin nun xornal un titular que informaba da morte por atropelo de dúas mulleres de “mediana edad”. E púxenme a ler a noticia completa motivado non polo suceso en si -que por desgraza é máis habitual do desexable- senón polo da idade das persoas infelizmente falecidas. Viñan tendo algo así como 63 e 67 anos, idade que a persoa que elaborou a nova considera mediana. Isto, que parece que ten bastante sentido, levoume a lembrar que xa teño lido noticias de feitos similares onde se falaba de anciáns de 62, ou de rapaces de 38, apreciacións que me resultaran, en verdade, chistosas.
Busco nos dicionarios que teño a man e entro na rede en busca de definicións de ancián e atópome con cousas curiosas como que o termo ancián se lle aplica a aquelas persoas que se encontran dentro dos parámetros do que se chama terceira idade ou persoas maiores, que veñen sendo as que teñen unha idade que oscila entre os 65 e os 70 anos para arriba, ata os 100 ou máis. 
Tamén encontro que o termo terceira idade fai referencia ás últimas décadas da vida, nas que cadaquén se aproxima á idade máxima que o ser humano pode vivir. Ese sería o punto final da etapa. O de inicio, pola contra, non está tan claro, dado que non todo o mundo envellece da mesma maneira. En calquera caso, considérase que se trata dun grupo de poboación que ten 65 anos ou máis.
Mais antes da terceira idade atravesamos pola segunda ou mediana idade, que non parece ter nin inicio nin final definidos con certa precisión. Hai estudos que din que persoas de ata 55 anos confesaron non sentirse, en absoluto, pertencentes a esta etapa da vida. É, non obstante, o máis común non ir máis aló dos 50 anos para dar unha data de inicio.
Como estas cousas non están perfectamente definidas é normal que os redactores de noticias non teñan nada claros os termos a utilizar cando lle queren apoñer cualificativos ós anos das persoas que aparecen nelas. Tan verdade é que a idade biolóxica é a que é, e non hai máis, como que as liñas de separación entre as diferentes idades son moi pouco nítidas. Hai termos que fóra dos anos biolóxicos veñen necesariamente marcados por fenómenos alleos ó puro transcorrer do tempo. 
Un dos termos podería ser o de adulto, onde é evidente que teñen que estar moi presentes as capacidades de enfrontamento coa vida. A quen considerariamos máis adulto, a un individuo de doce, trece ou catorce anos que embarcaba sen maior compaña que si mesmo para atravesar o Atlántico en procura de traballo ou a outro de corenta e cinco ou cincuenta que non é quen de viaxar no metro de Nova Iorque, mesmo acompañado? Augas turbas.
No que a min atinxe, quero dicir que cumprín 65 hai un par de meses e que non me sinto, para nada, integrante do grupo da terceira idade. E se me apuran nin da mediana. Porque o meu espírito é o dunha persoa nova, rabuda e loitadora. Entendo que neste aspecto debe pesar moito a profesión, o contacto constante con xente moza e cambiante que obriga a manter a mente fresca e activa e a estar, máis ou menos, à la page. 
Noto que continúo sendo “novo” en cousas como a de seguir gustando de ver mundos ou a de conservar a capacidade de sorpresa e asombro de cando cativo. De feito, entre os meus proxectos para o novo ano que xa está aí figura o de viaxar a Irán. E nesas andamos, porque, nin de lonxe, está todo visto.
Como na vindeira entrega desta columna estaremos xa en 2016 deséxolles ós lectores que sexan felices. Saúde e boandanza. 
 

FINAL DE ANO

Te puede interesar