Nada máis lonxe da verdade que aquilo que proclama a seguridade total de espazos e fronteiras. Non existe unha condición de selado absoluto dos obxectivos prioritarios por máis que os controis previos e os sistemas de observación de acceso a espazos de concentración de masas sexan habituais e plenamente fiábeis. Se a vulnerabilidade é unha circunstancia innata no plano individual, colectivamente somos do mesmo xeito fráxiles e con múltiples flancos de accesibilidade.
A circulación e o intercambio de información entre países, así como os datos que obteñen os servizos de intelixencia e as forzas de seguridade son comunicados entre nacións, de xeito practicamente instantáneo. O manexo de bases de datos de amplo espectro facilita o seguimento e control da maioría das posíbeis incidencias. Pero non implica outro tipo de accións, como as dos comandos suicidas. Unha das cargas de profundidade das estratexias terroristas é a de sementar un terror indiscriminado, que instale no subconsciente colectivo da sociedade o medo.
Non poden acadar unha maior vitoria que ter a unha sociedade condicionada polas súa violencia. Reforzar controis e traballar, ordenadamente, na prevención e detección temperán dos focos de risco axudarán de xeito notorio a reducir o umbral de risco.
Tamén pasaron outras cousas. Unhas eleccións nas que volveu a pasar o que xa anunciamos: que as enquisas non recollen opinións, senón que semella que pretenderan xerar tendencia. O PSOE segue no seu sitio, non houbo o sorpasso anunciado, nin farrapos de gaita. Hai outras vulnerabilidades, como aquelas derivadas das accións dos que dende o poder manipulan para desacreditar aos outros. Xogar con vantaxe, manexando fíos dende a sombra é tamén unha forma de facernos aínda máis vulnerábeis.