XIBRALTAR

Están en guerra diplomática os gobernos de Londres e Madrid a propósito dunhas pedras tiradas no mar en Xibraltar para que os pescadores de Alxeciras non anden a largar os aparellos en augas que non se sabe de quen son. Pero vistas a imaxes de televisión penso que os galegos temos un nicho de emprego que hai que aproveitar.
As longas ringleiras de automóbiles que queren entrar en territorio británico obriga a que haxa que construír aparcadoiros subterráneos, algo que no Peñón non abunda, así que as autoridades de San Caetano deben facer un concurso para intentar que os albaneis galaicos se lanzan a unha viaxe á City para convencer que os estacionamentos son necesarios e que en Galicia temos experiencia de sobra en tales obras. Se hai parques para deixar o coche, tampouco fai falta saír para volver a entrar, así que se evitan os aburridos controis e as longas esperas.
Por certo, parece que a Guardia Civil está despregada nas inmediacións do territorio británico, porque as estradas galaicas están ermas de patrullas realizando controis de bébedos e de coches camuflados á captura do madrileño despistado na observancia do velocímetro ou da complicada sinalización das aldeas autóctonas.
Disque Xibraltar é un paraíso fiscal, aínda que non o crerei até que se descubra unha conta de Bárcenas, ademais os territorios de lavado de cartos desapareceron despois dos atentados de setembro en Nova Iorque, polo menos iso foi o que nos dixeron. Se hai algún que é moi inxenuo. Pero xa postos, a experiencia galaica en contrabando, narcotráfico e contas correntes camufladas debe ser aproveitas. Cuns cantos narcotraficantes autóctonos establecidos en Xibraltar en poucos meses pasaba a ser territorio español ou galego. As covas xa están feitas e alí non hai monte que queimar, metade do traballo xa está feito, e os nosos pilotos de lanchas rápidas non teñen competencia na Royal Navy, que somos máis letais que a forza aérea arxentina.
Os galaicos necesitamos un territorio para lanzarnos á conquista do mundo, unha vez que perdemos a nosa colonia cubana. O máis cerca que nos queda é Xibraltar, a non ser que compremos unha plataforma para ancorala fóra das augas territoriais españolas como aquela de Sealand, porque o do Couto Mixto xa se perdeu e non hai ninguén que rebusque no tramado legal para revitalizalo como paraíso fiscal.
Mentres non haxa unha iniciativa galaica, temos que pasar o verán de festa en festa e percorrendo degustacións gastronómicas de produtos autóctonos, como a panceta, a pizza ou a hamburguesa, que fan as delicias dos turistas ao ritmo de gaitas e cun mono amestrado realizando arriscadas piruetas nos campos de terra.

XIBRALTAR

Te puede interesar