CHOIVA

Hai tempo que non vía chover con tanta persistencia. Lembrábame daquel tempo de invernía de principios dos anos sesenta no que comezaba a chover en setembro e non paraba ata abril. Era aquela choiva pertinaz, constante e cansiña que obrigaba a non deixar da man aquelas gabardinas “Diluvio” que saían do taller situado no peirao do meu Mugardos natal. Eu atopábame cómodo mergullando polas rúas do Ferrol camiño do Instituto. Aqueles que nacemos e vivimos baixo a choiva, non nos sentimos incómodos ao seu abeiro. A outras persoas provócalles influxos negativos. Aí están eses estudios que fixera don Xaime Quintanilla, insigne médico forense, nos que manifestaba una tendencia ao aumento dos índices de suicidios na zona norte de Ferrol, onde un microclima característico propiciaba unha acusada tendencia ás depresións.

Pero non é desta choiva da que eu lles quero falar hoxe, senón desa treboada de despropósitos que está a empapar o solo do noso país dun lixo cada vez máis denso que provoca un recendo a podre difícil de soportar. Sobre o Partido Popular caeu una bomba con efecto “racimo” cuxos efectos ao día de hoxe son difíciles de avaliar. Resulta que, segundo os informes publicados por un diario nacional nada sospeitoso de montar contubernios contra os postulados conservadores , dende fai vinte anos, altos cargos do devandito partido cobraban un sobre con diñeiro negro depositado nunha “caixa B”, fondos que viñan de comisións ilegais sufragados por empresarios, empresas de seguridade e doazóns anónimas. Segundo a referida información as cantidades oscilaban entre os 5.000 e os 15.000€ mensuais.

O asunto é dunha notable gravidade e pode pór en evidencia a moitos políticos que ían pola vida dando exemplo de rectitude e honestidade. Nada máis e nada menos que dende os tempos de don Manuel Fraga ata os da señora De Cospedal. Cando un sospeitaba que xa estaba cocido de espantos, resulta que aparecen cousas e casos que poñen moi alto o listón da desvergonza daqueles que recomendan control de gasto á cidadanía ao tempo que cobran un sobresoldo de diñeiro ilegal. Ver para crer.

Diante de tanto disparate non é estraño que xurda o de-sengano e a frustración e que moita xente diga que de aquí en adiante os vai votar a nai que os pariu. Sen embargo, eu non estou tan seguro. Creo, iso si, que non todos os que se dedican a isto da cousa pública son iguais, pero tamén estou convencido de que as vocacións a prol do servizo público están en horas baixas. Polo que se ve, cada quen vai ao seu sen reparar nas formas, cousa que a xente acostuma a perdoar máis ben axiña, coma se tivese simpatía polos chourizos de luva branca, eses que deberan predicar co exemplo, e se benefician con sobresoldos negros sen remordemento algún. Son os que nos din logo que pidamos facturas con IVE. Por mor do acontecido, as augas andan revoltas no PP. Imaxino que se vai seguir tirando da manta e sería bo para o sistema democrático que se publiquen os nomes daqueles que se beneficiaron e que se actúe coa contundencia debida, caia quen caia.

Namentres escribo esta reflexión, observo como a choiva segue a caer impertérrita. Auga necesaria e beneficiosa que a min non me provoca depresión. O que me desacouga é que non teñamos aínda paraugas axeitado para parar tanta merda que expande o ventilador de certos políticos sen escrúpulos (sexan do signo que sexan).

CHOIVA

Te puede interesar