Do sorprendente

|

Hai cousas que nunca deixarán de sorprendernos. A pesar de que as rutinas, as presas e o estrés deste vivir á velocidade de vértigo, fagan que viremos o foco en direccións diverxentes. Amencer é a primeira sorpresa do día. Observar nestes días a luz redefinindo o mundo pouco a pouco, aínda esperta en nós emocións primixenias. 
Pero o sorprendente, por desgraza, está referido ou vinculado maioritariamente a cousas negativas. A impactos que provocan un gran abraio e unha maior aínda incomprensión, dos mecanismos que rexen nas mentes dalgúns dos compoñentes da nosa sociedade. Iniciamos o ano dos mesmos malos modos que rematamos o ano anterior. Violacións a menores en varios puntos do noso país. A mentira, estendida coma un mantra, sobre as vantaxes e beneficios dos inmigrantes no noso país. Decisións xudiciais que remexen as conciencias. Unha incesante violencia de xénero. Unha muller asasinada e malleiras brutais, incluso diante dos fillos pequenos, a varias máis. Está situación dramática coincide nos titulares, coas esixencias de Vox contra a Lei de Violencia de xénero, para non bloquear a formación do goberno andaluz. Sorprende o que din, pero moito máis que tantas persoas puideran darlle apoio. Un presunto voto de castigo ao que se aferraron perfís sociais moi diversos: con/sen estudos, deportistas, artistas, traballadorxs, pensionistas... Substituíron unha presunta ameaza por outra infinitamente peor, onde os valores ideolóxicos do pasado son o seu credo. É sorprendente que esta arañeira que nos  enreda, non esperte temores reverenciais na nosa sociedade. Reflexionemos. Poñamos  menos escusas, e busquemos máis causas. 
Non hai tempo máis auténtico que aquel que compartimos –dixo El– Escoitarte é un verxel de aromas e texturas, un impacto feroz de afectos que concentra universos en mínimas palabras... É sempre a maxia infinita de sentirte...

Do sorprendente