Navantia, non é competente?

Ferrol, unha vez máis, estase a desangrar, baleirase ó través das feridas que lle foron inferidas ó longo dos séculos;  feridas que xamais fomos quen de pechar. A que foi a primeira urbe galega, por puro interese do reinado do momento, leva camiño de se converter nunha cidade pantasma, e tamén por razóns alleas ó pobo ferrolán.
O problema desta situación radica na dificultade para poñerlle nome e apelidos ó responsable dela, pois isto ven sendo o primeiro paso para atopar unha saída a calquera atranco; o que tiña que ser, xa que logo, o comezo da cicatrización das feridas que levan camiño de se gangrenar, aínda que non o remedo definitivo. O problema, aínda por riba, acrecentase, pois algunhas forzas políticas vampirizan ó momento; asemella que lles interesa que ditas feridas sigan abertas coma se a única razón da súa existencia radicase en seguir sorbendo nesa sangue cada vez máis escasa. Saben que a demagoxia é o mellor xeito de acadar bos réditos , e nas súas máximas ten que rezar que hase de facer uso dela aínda que se estea loitando contra outras forzas que vogan no mesmo sentido que elas; aínda que crucifiquen a persoas que, coma elas, aturarán nas súas propias carnes o derrubamento da bisbarra e aínda que con todo isto tan só consigan que non podamos ollar a luz ó final do túnel.
Temos que abandonar esas demagoxias infrutuosas e ser claros e concisos para, deste xeito, atopar a chave ca que comezar a alumear, aínda que con moitas sombras, a nosa negrura. Cando os problemas están a nos apremar e temos a mente contaminada, un bo paso é retornar ós tempos da nenez, sen dúbida a patria común de todos nós, poñer a mente en branco e comezar dende o principio. Os nenos teñen respostas que sorprenden ós adultos e, ás veces, son quen de nos facer dubidar sobre quen supera a quen en ignorancia.
Dende esta nova perspectiva, podemos dicir que atopámonos cun problema entre empresas, cuxo resultado ha de afectar, sen dúbida, á forza laboral da bisbarra, mais o conflito ten o seu orixe nunha mera xestión empresarial. Se un armador acorda que o seu barco hase de facer nun determinado estaleiro, sen dúbida e porque este feito é o máis vantaxoso para a súa empresa. Agora haberá que analizar que foi o que aconteceu cos estaleiros que deixaron fuxir os contratos e, por este camiño, ir na procura dos primeiros responsables. No caso que nos ocupa non estamos a falar dun estaleiro calquera, senón dun estaleiro que leva séculos construíndo e, xa que logo, non semella doado de entender que a resposta “non competente” sexa a única para explicar a desfeita. Mais de ser certa esta afirmación, fase necesario escudriñar no embigo da empresa e aínda nos nosos tamén.
 Se unha empresa coma Navantia non é competente, non cabe dúbida de que o cese do presidente coma primeiro responsable da xestión ten que ser inminente e, a poder ser, que se adique para sempre a premer ozcas como facía Charles Chaplin en “Tempos modernos”, onde tan só terá que pensar na chegada da hora para ir xantar. Se este cese non se producira, teríamos a primeira razón, xa sen demagoxia algunha, para esixir responsabilidades ó político do momento pola súa teima en manter no posto a un incompetente. O seguinte paso, por parte dos políticos, ten que pasar por poñer os medios necesarios para reducir ó mínimo a desfeita instaurada polo incompetente e, se isto non fora deste xeito, coma eles non teñen quen os cese, agás o pobo nas vindeiras eleccións, a súa dignidade debería levalos a dimitir. Chegados a este punto, se non se leva a cabo ningún paso da folla de ruta descrita, o único que nos queda e botar de conta que o que está a pasar cá nosa bisbarra xa estaba preparado; isto último, por certo, podería non ser unha toleada, pois o feito de deixar tamén a Ferrol fora do circuíto da alta velocidade pode ter sentido se esta infraestrutura vai dirixida a unha terra erma.
E agora tan so queda por coñecer o que di o noso embigo. Toda empresa de seu, rexese por unhas regras co único fin de acadar ser a mellor do mercado; quen ten  que  cumprir esas regras son as persoas que distribúen a súa labor segundo un organigrama que os identifica, dende o derradeiro aprendiz até os primeiros executivos, pasando, coma non, polos sindicatos. Despois de ter rematada a xornada laboral, temos que nos preguntar se ficamos satisfeitos do traballo levado a cabo, ou ben a preguiza asoláganos dende a entrada até a saída do choio –curioso alcume dos ferroláns para referirmos ó traballo – de tal xeito que as horas alí empregadas pasan por ser un inimigo a bater. Non fai falta chegar a ser un Keynes para saber que o rendemento no traballo repercute directamente na competitividade de empresa.
Temos unha man de obra ben coñecedora do seu traballo, agardemos que para darlle un bo uso non teña que emigrar, ou ben sexan os ingleses os que volvan a Ferrol e, partindo de cero, teñan que erguer outra Construtora Naval, xerme da nosa Navantia, con novas regras que nos indiquen o camiño a seguir.
O autor é enxeñeiro técnico Naval
e de Obras Públicas

 

Navantia, non é competente?

Te puede interesar