De ameazas bélicas

|

enos mal que chega a Semana Santa. Ao mellor así desaparecen eses arrebatos bélicos que lles deu aos ultraconservadores británicos ao poñer no punto de mira, nunca mellor dito, a defensa de Xibraltar a calquera prezo polo ditoso Brexit.
É certo que a Unión Europea debe protexer e defender os intereses dos países membros, o que beneficia a España, pero non chegará o sangue ao río. As comparacións sempre foron odiosas, pero traer a conto Xibraltar coas famosas Falklands, ou Malvinas para os arxentinos, é facer un triste e desafortunado exercicio,un inútil intento de provocación que non vai a ningures.
Da a sensación de que a Gran Bretaña está un tanto desorientada. Unha vez pasada a euforia dese posicionamento, falsamente estratéxico, fronte ao conxunto da UE, no que pretenderon amosar unha superioridade, seguramente herdanza de ocres pasados coloniais, semella que andaran a dar paus de cego.
Un pasiño para adiante e dous para atrás, podería ser o slogan que resuma as accións políticas da primeira ministra, Theresa May, como se dubidaran na estratexia última que debe poñer fin á crónica dun fracaso anunciado. Que os soños da razón producen monstros xa o evidenciara Goya nun dos seus famosos gravados. Pero que a soberbia é unha mala conselleira en cuestións de plantexamentos xeoestratéxicos xa está demostrado dende David e Goliat.
É certo que os plans perfectos tan só poden darse en situacións, e con entornos moi especiais. Pero intentar recuperar posicións a costa de ameazas bélicas é como matar moscas a canonazos. Teño unha amiga que ante calquera tipo de ameaza dicía sorrindo: tranquilidade, teño un plan de dosificación temporal perfecto, que non pode fallar... Quizás debera darlles consello.

De ameazas bélicas