Milleiros e milleiros de sirios de tódalas idades, despois de pasar mil e unha para chegar a pisar territorio continental europeo, andan recibindo labazadas aquí e acolá porque ninguén os quere. O goberno húngaro, que preside o máis que coñecido Viktor Orbán –líder da FIDESC (Fiatal Demokraták Szövetsége), forza que no Parlamento Europeo está, como non, integrada no Partido Popular– non fai máis que reprimir e pechar fronteiras con obstáculos de concertinas. Visto o visto, a onda migratoria procurou outra vía cara Austria e Alemania: a de Croacia, o bastión católico balcánico. Mal asunto. Gobernada pola tamén dereitosa HDZ (Hrvatska Demokratska Zajednica) –así mesmo no Partido Popular Europeo– xa nos obsequiou coas primeiras mostras das súas intencións. Polo que lles escoitamos dicir, case todas estas persoas que andan dun lado para outro procurando acomodo (temporal) gustarían de volver canto antes a Siria, mentres ven que os que as obrigaron a marchar non as queren. Porque quen as botou de Siria?