Teimosía

|

Resulta abafante a implacable persecución que está a sufrir o goberno municipal ferrolán, por parte dos voceiros do Partido Popular, que aproveitan calquera ocasión para tentar de romper a estabilidade e mesmo procuran provocar o enfrontamento entre os responsables dos demais partidos, sen lles preocupar que da súa teimosía puidese resultar un grave prexuízo para a cidade e os cidadáns. Para eles, canto peor lle vaia a Ferrol, mellor será para o PP e, por iso, a súa oposición é feroz pero non construtiva, en contradición coas palabras de Alfonso Rueda, que aconsellaba aos nacionalistas que conten cos populares para traballar conxuntamente e en positivo. Falan de escravitude e de reféns, de “entreguismo” e de parálises dos proxectos. Pode que non entendan que, os políticos, deben ser escravos dos seus pactos e compromisos entre eles e cos cidadáns, sen recorrer a ampulosas declaracións notariais que rematan por seren incumpridas na súa case totalidade. Ou non é?

Teimosía