Pisándonos a dignidade

Non hai que confundir mornura, educación e saber estar con parvice, e unha nai por evitarllle unha dor a un fillo é capaz de calquera cousa sen perder a compostura. Eu non teño moitos dons, máis ben o único que creo ter é o don da palabra, e coa palabra e verdade na man pódese chegar a calquera parte. Leo hoxe nun xornal que hai unha mestra nunha escola de Pontevedra que agrede aos seus alunos de oito anos, e a min revólvenseme as entrañas e volven brotar bágoas de sangue do máis fondo da miña alma a resucitar pantasmas do pasado. A pantasma da imaxe dun neno de seis anos, para máis detalles cunha minusvalía e completamente indefenso, a martillarme a cabeza unha e outra vez. Un “mestre”, por chamar dalgún xeito a ese suxeito que segue a exercer non sei que labor nun colexio da Coruña, agarrou polo babi ao meu pequeno e o trasteou contra a parede. O resultado foi un golpe no queixo e un dente avaneándose nunhas encías da cor do sangue callado. O neno non dixo nada, nunca dicía nada, apenas tiña pesadelos, e eu protestaba porque os nenos lle pegaban e se metían con el. Na escola sempre negaban todo atacando como “defensa”... era a “palabra nunca tida en conta” dun neno de seis anos contra a dos adultos “responsables”. Eses adultos responsables da educación do meu fillo, eses adultos encargados de protexelo e defender os seus dereitos na escola eran os que o magoaban, eran os que pisaban o seu corpo, a súa alma, os seus dereitos, pero xamais a nosa dignidade. Ese “mestre” acostumaba tirarlle tizas, dárlle co borrador na cabeza, humillalo e insultalo para logo,cando se facía pis co medo, obrigalo ir por todas as aulas dicindo “eu son X o que se mexa”. Hoxe leo que é a opinión duns nenos de oito anos contra a dun adulto e eu, eu creo máis nun neno de oito anos que nun adulto. Hoxe o meu neno non está nesa escola, xa non está nunha escola concertada de prestixio e que exerce a caridade cristiá praticando co exemplo, xa non. Hoxe os dereitos písanllos dun xeito moi diferente desde unha escola pública. Hoxe non hai agresións por parte de adultos, hoxe hai unha circular de saídas culturais que che din que non asines porque ao teu fillo non o van levar. É grave??? Evidentemente para todo hai unha gradación, para todo hai unha resistencia, para todo hai un límite, para o que non hai é para calar e consentir. Sei ben que para unha nai a dignidade e o benestar do seu fillo non ten prezo, ten valor.

Pisándonos a dignidade

Te puede interesar