VOTAR É UNHA VÍA PARA O CAMBIO

Todas as enquisas coinciden en que nas eleccións europeas a abstención será moi alta,  xa que a xente non olla a eficacia do Parlamento Europeo e coida que a Unión Europea non é democrática. Considera que axe en función exclusiva das grandes fortunas, as corporacións e os territorios mais fortes. A maioría da poboación pensa, especialmente na periferia, que os partidos sistémicos, os que teñen un control absoluto sobre as institucións europeas, prometen unha cousa nas eleccións e fan outra. Ademais, non confían en que os pequenos partidos podan reverter esta situación, especialmente nun ámbito tan lonxano e inmenso. Consideran que a globalización,  pola súa dimensión xeográfica, contribuíu a restar forza á vontade popular.
Mesmo sendo certo o anterior, non votar non aporta ningunha vía de solución. Non votar fortalece ás clases dominantes e permítelles sentirse totalmente “lexitimadas” pola maioría social. Polo tanto, votar é fundamental tanto para restar forza ás clases dominantes, como para que a voz da oposición teña maior protagonismo, e gañe peso social e político. E, no caso concreto da Galiza, para que esta antiga nación teña presenza propia, exista como unha realidade política, coas súas reclamacións e contribucións, para alén da súa existencia como cultura diferenciada e na historia continental dende o albor dos tempos.
Malia súas limitacións, o Parlamento Europeo é a única plataforma que nace do voto, algo que non se pode obviar e moito menos desprezar, especialmente para un pobo como o noso tan necesitado de voz propia. Tanto para os que queren mudar a UE como para aqueles que coidan que debe desaparecer, ter  presenza nesta institución é fundamental.
Estas eleccións ademais destacan porque practicamente non hai campaña na rúa, para alén dalgunhas forzas que, como o BNG, que apostaron pola militancia e por non se endebedar.
A maioría dos partidos optaron por unha campaña de declaracións e mínima relación cos electores, agás algúns mitins para retransmitir nos medios. En fin, semella que máis que ir ao encontro dos e das votantes foxen deles e delas. Cómpre telo en conta, porque o voto é parte do cambio.

 

VOTAR É UNHA VÍA PARA O CAMBIO

Te puede interesar