O DÍA DA MULLER SEGUE A PARODIA ARISTOFÁNICA

Moitas mulleres, que non todas, vimos de asistir arreguizadas á conmemoración do Día da muller este 8 de marzo. Hai tempo que o día perdeu o adxectivo traballadora, ao mesmo tempo que o día da patria galega mudou en día da Galicia sen z, e a palabra obreiro sustituíuse polo etéreo traballador que encaixa, como moitos partidos capaces, case que con calquera clase social. Até os grandes empresarios e banqueiros fachendean dese perfil. Mais non é nova esta constante histórica devaluadora ou decoloradora. Tamén nas marchas das moitedumes no agromar da revolución francesa perderan, de camiño, a fraternidade para peneirar a propiedade daquel terceiro estado, o incipiente burgués que se servira do povo para escabechar reis caducos e ocuparen eles o trono da plusvalía.
A decoloración, porén, sobarda o agardado nestes tempos de recuante conservadurismo parello ás crises cíclicas artelladas polo sistema capitalista para seguir machucando e encadeando á clase obreira e labrega. Porque non me digades que non é abraiante sen paliativos comparar a Lisístrata con Meca Arcos! Certamente, algúns non saberedes quen é Lisístrata. Noentanto que Meca Arcos pasa por ser a primeira muller en España en portar un trono na Semana Santa Ferrrolana, aló pola década dos desenrolistas sesenta cando as nenas educábanse segregadas para ser boas esposas, fillas e nais de...o outro xénero, con edificantes clases de costura e modais protocolarios.
Lisístrata, na Antiga Grecia, non arriscou a portar ningún trono nin trebón, mais protagonizara unha revolta, das máis orixinais na historia. Farta de aturar a guerra duns homes contra outros que puña patas arriba toda a sociedade, tamén a das mulleres e mataba os fillos por elas paridos, decidiu armar ás mulleres da arma máis mortífera para forzar a paz: o sexo!
Ou mellor dito, a fame do mesmo, a abstinencia non periódica que aínda recomenda hoxe a igrexa, senón a abstinencia forzosa e permante até acadar a paz. Así, Lisístrata, xunto ás demais mulleres protagonizaron a que foi a primeira e non sei se a única, polo momento, folga sexual da historia! Eis temos unha ideia revolucionaria onde as houber. Os homes toleaban porque non había muller con quen se deitar para apagar o lume e a fogosidade atrasada. Non sei canto durou aquel estado de cousas mais non se coidou que era unha medida inxusta cos heterosexuais pois que os homosexuais non padecían desta folga sen folgar. Mais a revolta ecopacifista de Lisístrata prosperou e deuse remate á guerra inaugurando o que hoxe se coñece (e pouco se practica) como a resolución pacífica de conflictos.
Certo que hoxe non é doado atopar moitas Lisístratas porque o mundo tecnolóxico e escolarizado mata a creatividade e a afouteza da persoa case que ao botar os primeiros dentes. Quizais por iso o alcalde de Ferrol non atopou ninguén mellor que a primeira portadora de tronos dunha igrexa abondosa na misoxinia para conmemorar e agasallar no día da muller traballadora.
Tamén o réxime franquista facía festas minervais de poemas querubínicos e ramallos florais nos memorabeis días das seccións femininas dos campamentos fornecedores de nais para a patria e mulleres incubadoras de vindeiros soldados da morte e das lexións bélicas. Mais nos meus miolos femíneos (de menos masa encefálica debida ao meu xénero) non acaxoma que imaxe era a que portaba aquel trono dos sesenta baixo o que ían os lombos femeninos da primeira muller da costela de adán? Un santo ou unha virxe? Porque sábese polas escritas sagras que os santos pesan máis pero as virxes están máis enteiras ao non lles pesares a mácula que vive fóra das leis inmanentes da gravidade. Os portugueses, e tamén os galegos, chamámoslle grávida curiosamente á muller preñada, e non precisamente, do espírito santo. Porque o cristianismo nunca tivo a patente do nacemento virxinal. Todas as culturas falan dese misterio. Así que Xosé, o pai terreo, tampouco era tan santo coma nolo pintan.
Por outra banda, hai mulleres en Ferrol e Galiza a moreas para conmemorar o día da muller traballadora sen ter por qué botar man dunha institución confesional misóxina e bimilenaria onde ningún cárrego de poder foi feminino  alomenos dende que finou a monxa-virxe Exeria alá polo tempo dos priscilianistas ou dende que o mosteiro de Carboeiro (hoxe mosteiro dos santos óleos polo video da masaxe tan feminista de Enrique Iglesias) deixou de ser un mosteiro misto, de homes e mulleres en total e natural convivencia. A Igrexa nunca salientou por defender a igualdade de xénero, senón máis ben por conservala e acrecela canto máis posivel. Non defendeu endexamais nin a paz de Lisístrata, nin a igualdade de dereitos, nin a educación igualitaria, nin a sexualidade libre, nin o empoderamento das mulleres... Pola contra o inferno eclesiástico sempre foi feminino dende Eva até as deusas infernais das outras relixións. Dende as Euménides témeras até as tolas Erinias dos santuarios gregos pasando polo sacrificio de Ifixenia, o poder patriarcal foi sempre un a esmagar o ceibo destino das mulleres.
E, contra o que poida parecer, non é este un problema de sexo senón de seso, con s de serpe de maciñeira en costela femínea de bairro varonil. Porque Aristófanes, o autor de Lisístrata era un home e porén máis feminista que tantas e tantas mulleres educadas na defensa do xénero opresor. Poñámonos en garda hoxe en que medra unha nova xeración de meniñas de telenovela de monllo rosado que amosan a Belén Esteban coma ídolo e  meniños que teñen a Ronaldo coma modelo comportamental. Mozos que ignoran quen foi Hipatia de Alexandría, asasinada brutalmente por reivindicar a liberdade de pensamento e a autonomía da muller.
Que non sabe de María Balteira, dos camiños de Cangas de María Soliña, do disfraz de home de Concepción Arenal, da loita vital de Rosalía por ser muller no amplo senso da verba... nin dos milleiros de mulleres anónimas do povo que loitaron e loitan cada día por se liberar! Fronte a elas, unha nova moza, criada presuntamente na igualdade de xénero, mátase por chegar a ser portadora de tronos xunto aos mozos no que lle venden como o cumio da igualdade nunha igrexa que, coma Concepción, disfrázase do que non é para vendermonos, a crentes e laicos, o que nunca foi, unha institución igualitaria!

O DÍA DA MULLER SEGUE A PARODIA ARISTOFÁNICA

Te puede interesar