Mercado persa

ateoría económica que dogmatiza a eficiencia do mercado sostense sobre a lei da oferta e da demanda como principio básico. Por este enunciado formal establécese a relación que existe entre a demanda dun produto e a cantidade ofertada do mesmo tendo en conta o prezo ao que se vende ese produto. Deste xeito, segundo o prezo dado no mercado para un ben determinado, os oferentes estarán dispostos a fabricar un numero determinado dese ben. O punto de equilibrio, ese lugar onde cruzan as curvas da oferta e da demanda, é xustamente a cifra dunha cantidade igual de produtos tanto da oferta como da demanda. Aínda máis, esta teoría contén separadamente unha lei da demanda pola que establece que a cantidade a comprar dun ben é máis pequena cando o prezo sube. Pola contra, a parella lei da oferta di todo o contrario. En ámbolos dous casos, mantendo o restos das variables constantes, dito en latín: Ceteris paribus. 
Ollando para o rebumbio que ten armado o mundo da política institucional, após os dous procesos electorais que marcaron axenda periodística nos últimos tempos, a necesidade de acadar acordos de gobernabilidade, establecer pactos para formar coalicións de dúas, tres ou múltiples alternativas partidarias; e mesmo garantir a elección das presidencias, alcaldías e outros ámbitos de xestión no que se divide o poder nas instancias de goberno central, autonómico, provincial e local moito ten a ver co proceso de transacción do mercado económico. Porén, nisto non funciona a teoría da oferta e da demanda; moito menos o punto de equilibrio. Este mercado posterior as eleccións é un xogo de valores atípico, de cotizacións opacas, de moito regateo e incerteza final.
Un zoco oriental, na forma alegórica que conmemoramos na centenaria obra musical do compositor, Albert Ketelbey, atinada no simbolismo que caracteriza a dinámica exótica dos negocios “nun mercado persa” ao que van chegando lentamente os propietarios dos camelos, a xente que busca esmola, os regueifeiros e artistas do espectáculo, os encantadores de serpes; e, provocando atracción e centro do foco das miradas, a bela princesa que excitará o ritmo do ambiente ata o paso do califa controlando todo con quen se marca ese punto de inflexión que precede á marcha da princesa, das caravanas coa súa mercadoría e da perda de animación final. O balbordo político non pode impedir lembrar a traxedia do “rider” morto pola precariedade laboral.   

 

Mercado persa

Te puede interesar