Dez de marzo, lembranza e desafío

|

10 de marzo cumpríronse 48 anos das protestas da clase traballadora da Bazán, opóndose ao convenio do grupo e pedindo un acordo propio para a factoría. O peche patronal e a manifestación posterior polas rúas da cidade, buscando converxer cunha columna que ía saír de Astano, foi disolta violentamente por varias ducias policías armados. A represión deixou dous mortos, Amador Rey e Daniel Niebla, e 28 feridos... Estado de sitio, barcos de guerra apuntando á ponte para impedir a solidariedade do estaleiro de Fene, deixaron en evidencia os métodos represivos da ditadura franquista. 
A solidariedade alargouse axiña a toda a comarca, e moi especialmente a Vigo, así como á Coruña e ao estudantado en Compostela. A represión exemplarizante non impediu que no mes de setembro unha folga de 15 días en Vigo abranguese a máis de vinte cinco mil persoas, especialmente na industria e construción, malia os detidos, os despedimentos,... A clase obreira galega amosaba así a súa capacidade de loita a prol dunhas condicións laborais dignas, da democracia, e da esixencia de respecto pola identidade de Galiza. Estas mobilizacións foron esenciais para o remate da ditadura. 
Non está demais lembrar que estes feitos foron precedidos en Ferrol por levantamentos como os de 1868 e 1872 no estaleiro, a folga xeral de 1932 en toda Galiza para impedir o peche, as protestas polo aceite en 1946, os 37 días de folga en Peninsular Maderera en 1970. Porén sobre todo cómpre destacar que neste intre o noso país confronta máis unha vez unha situación preocupante, xa que o peche e a incerteza de futuro afecta ás centrais térmicas de Endesa e Meirama, ás empresas electro-intensivas, e aos estaleiros tanto de Ferrol como de Vigo. 
Estamos a falar de actividades estratéxicas, que xeran moito emprego directo e indirecto, e que non son doadas de substituír. O medre da precariedade, os baixos salarios, a emigración da mocidade, a desfeita ecolóxica, a centralización e concentración do poder e da riqueza, na nación galega expresase tamén no recuar demográfico, na desfeita do rural, no papel subalterno da nosa cultura e lingua. Dinámicas que cuestionan este modelo. 
Cómpre un novo sistema: cun reparto xusto, sustentábel, igualitario, solidario. Por el loitaban en 1972 e existe o Día da Clase Obreira Galega. Os lumes sen control, os cambios climáticos, as consecuencias sociais e económicas do coronavirus, as migracións masivas e desesperadas, a especulación dominante, son síntomas dun capitalismo que está na súa etapa senil. Non podemos ignoralo.

Dez de marzo, lembranza e desafío