Vila Podre

De sempre, desde que teño uso de razón, recordo os insultos mutuos entre coruñeses e ferroláns: Cascarilleiros! Vila Podre!, case sempre relacionados co fútbol, pero tamén á parte. O de cascarilleiros ten a súa lóxica, xa que na Coruña se consumía moito a cascarilla –parece que volve– como substituto –máis económico, que non menos sabroso– do café e/ou do chocolate. O porto da Coruña desde hai máis de cen anos desembarcaba moito cacao, polo que na cidade chegou a haber unhas cantas fábricas de chocolate e, consecuentemente, cascarilla en abundancia. Desde consumo xeneralizado naceu o alcume, despectivo polo que o produto tiña de alimento de pobres.
O de Vila Podre xa non está tan claro. A min paréceme fantasioso o que lle teño escoitado ó amigo Xavier Alcalá de que era por envexa da boa situación de Ferrol no século XVIII. Sinceramente, non me cadra, penso que non lle acae. Sospeito que a expresión debeu empezar a usarse no século XIX, cando Ferrol caeu nunha situación de  decadencia absoluta, de abandono total e absoluto. Necesariamente tivo que ser antes do verán de 1858, que foi cando a raíña Isabel II, na súa visita a Ferrol lle concedeu o título de cidade en substitución do de vila que era a denominación que tiña anteriormente. Entendo que por aí debe ir a cousa. Como hai máis de dúas décadas pasadas que o Racing e o Deportivo non coinciden na mesma categoría, estes enfrontamentos verbais caeron un pouco en desuso.
Desgraciadamente, o que non caeu en desuso foi o estado calamitoso de Ferrol. Posiblemente hoxe Ferrol sexa máis Vila Podre que cando se se comezou a utilizar a expresión. De Ferrol Vello, mellor non falar. Da Magdalena, que imos dicir. Cada día pecha un establecemento comercial ou cae un cacho de cornixa ou de parede ou calquera cousa similar. As casas que arderon están tal cal desde a presenza do lume –non terán donos obrigados a adecentalas?– As rúas todas –agás o Callao, só faltaría– están intransitables, tanto para peóns como para vehículos de todo tipo. En definitiva, unha cidade en fase de derribo absoluto. E ó goberno municipal esta situación de botarse a chorar parece non preocupalo en absoluto. O que preocupan son outras cousas.
O pasado xoves o Concello de Ferrol entregou o seu Premio Solidario á Asociación Sociocultural de Minusválidos, acto ó que non acudiu o señor alcalde “por problemas de agenda”, tal como reflexaba o noso Diario. Páxinas adiante descubríamos cales eran os problemas de axenda: asistir ó acto de inauguración oficial do Burger King máis grande de Galicia. Interesante. Para pensar, non?

 

Vila Podre

Te puede interesar