Deféndese o Estado dende os sumidoiros?

Seica dixo Felipe González, noutrora líder disque socialista, que ao Estado cómpre defendelo tamén nos sumidoiros. Dende logo algúns dos seus máis achegados colaboradores aprendéronlles ben a lección. Lembren o GAL. Institucionalizouse entón un sistema corrupto baseado na Lei de Segredos Oficiais e nos fondos reservados que podían quizais ter un sentido fronte a unha ameaza exterior ou ao magmático terrorismo islamita. Para sermos máis precisos, cristalizou baixo unha formal e nunca exercida supervisión parlamentaria o sistema de Carrero Blanco.   

Pasou a crise do GAL con penas moi curtas de cárcere para os principais delincuentes confesos. Bastantes anos despois, un Goberno alicerzado tamén noutra maioría absoluta da outra ponla do bipartidismo, o PP, xerou unha equipa policial coas súas antenas mediáticas para desprestixiar os principais líderes entón do soberanismo catalán xusto canda a convocatoria da consulta cidadá que o presidente Mas convocara para o 9-N de 2014. Pretextaron en falso de delictos de corrupción ao entón president e ao alcalde de Barcelona, Xavier Trías. Boa parte da derrota electoral deste a prol da alcaldesa Colau en 2015 explícase nesta reacción policial dos sumidoiros do Estado. Lembran aquela conversa dos entón ministro do Interior co comisionado anticorrupción do Parlament  conspirando contra a sanidade e o benestar cataláns porque logo despois “la Fiscalía te lo afina”? 

Pablo Iglesias descobriu como xogan os sumidoiros do Estado e seica arrepíntese agora de liquidar o potencial de transformación que tiña o movemento 15-M para consolidar un proxecto personalista, piramidal e españolista no canto de facer conectar o progresismo español coas forzas soberanistas e territoriais do Estado. O certo é que cando espiaron e desprestixiaron outros calou coma un peto.

Nunha democracia cómpre loitar xudicial e policialmente contra os seus inimigos, que son só os que queren violentamente acabar coas liberdades. Mais espiar e desprestixiar partidos legais racha as regras do xogo democráticas e desprestixia o Estado. Porén, o que máis desacougo xera é a normalidade coa que millóns de españois ollan o feito probado de que ducias de millóns de euros destinados a tarefas de protección cidadá sexan malbaratados no prexuizo de opcións lexítimas e democráticas para favorecer ás forzas seareiras do Deep State. Ás forzas seareiras da Coroa  que cuestionan as forzas políticas espíadas.

Deféndese o Estado dende os sumidoiros?

Te puede interesar