Pedro Sánchez desapareceu de escena, despois de apoiar o PP con armas e bagaxes, coa escusa de que estaba en perigo a unidade de España.
Mentres, a portavoz do PSOE, Margarita Robles, xustificaba que os membros da Generalitat ingresasen en prisión preventiva, dando azos á postura da xuíz.
E Felipe González, o dos pactos do 78, o da entrada na OTAN, o dos contratos temporais e da privatización das empresas públicas, sentenciaba que Carles Puigdemont era un covarde por marchar a Bruxelas.
El non é precisamente o que pode dar leccións. Ademais, a viaxe ten máis de internacionalización do conflito que de fuga.
Hai tempo que a socialdemocracia non ten ren de obreira. E tampouco lle resta moito de transformadora. Moitos/as esperaban que fosen quen de ofrecer solucións políticas con perspectivas de futuro, freando as posturas ultras de sectores do PP e sobre todo de Ciudadanos. Pura utopía.
A esta altura, Pedro Sánchez é unha fotocopia de Felipe González. Do actual. Do que vai do brazo (e cobra) do gran capital. Non daquel que, sen garabata e con verbo aceso, na década dos setenta aínda ilusionaba a tantos votantes.
González era un espellismo, aínda que durou tempo. Sánchez está a queimar etapas a un ritmo acelerado. Non é estraño que despois os electores prefiran o orixinal.
A problemática das nacionalidades non se termina con control mediático, medidas represivas, lectura singular e aplicación da xustiza con criterios de parte.
As especificidades económicas, sociais, culturais, lingüísticas e políticas son reais.
O contexto dálles pulo. Todo está no aire, dende o modelo ecolóxico, ate o propio capitalismo: que alenta a desigualdade, a guerra, a actividade delituosa e especulativa.
Os triunfadores de hoxe, son os perdedores a medio prazo.
Así está de complexo o mundo. E cando se trata de resistir, sempre fano mellor aqueles que veñen loitando dende hai séculos, como as nacións asoballadas ou/e as clases explotadas.
En Cataluña dáse unha rebelión nacional e social. E grazas á prepotencia españolista, transformouse para o Estado nunha bomba de reloxería, pronta a estoupar, sexa cal for o resultado das eleccións do 20-D.