Tempest

Novo disco de Dylan. Un anel máis nunha argola ben comprida. Ah, mais desta volta, con esa voz de vello que renxe cal o ferrovello dos tranvías que cantara Celso Emilio, Dylan anova o prodixio que coidabamos imposible.

E é que o de Duluth ven de ciar no tempo, ven de voltar senón a “Blonde on Blonde” si a “Blood On The Tracks”, por citar unha referencia básica. E non digo aos tempos de “Desire” porque as letras deste eran de Dylan e Levy. E as de “Tempest”, o último disco dylaniano, quitando unha, son todas del. Tamén as músicas. Letras moi poéticas.

Músicas de gran versatilidade: baladas, temas folc, blues, “talkin blues” e todo o que vostede desexe saber dun grande da canción en estado purísimo. Setenta e un anos ten xa Dylan. ¡Manda chover na Habana!

E nós pedíndolle cada día ao ceo esa inspiración e talento que Bob Dylan fai verquer por minuto. “Tempest”, aires de trebón inmenso, con fundamentos en Shakespeare, no “Titanic” e en John Lennon. Eu non sei se haberá quen dea máis. Non o creo.

Tempest

Te puede interesar