A verdade é que cando me sentei diante da pantalla en branco disposto a teclear a primeira “mirada” do ano 2016, pensaba dedicala a calquera cousa menos a falar do goberno, pero... Prefería deixalo para mañá, como dicían Tip e Coll cando remataban aquelas parodias a que nos tiñan acostumados, pero non resistín a tentación visto o resultado das eleccións e que Rajoy intenta por tódolos medios presidilo de novo dicindo que España necesita un gabinete estable liderado por el para seguir camiñando pola senda da recuperación económica que segundo di, e os que con el comungan, é unha realidade palpable. Sen dúbida para algúns que medraron sen límite porque na micro economía, na que atinxe á xente do común, nada ou ben pouco se notou desa recuperación. Por exemplo: parémonos a reparar no asunto das pensións. Un dos argumentos que o goberno esgrime é que as pensións subiron nesta lexislatura e xa que logo os pensionistas non perderon poder adquisitivo. Efectivamente as pensións subiron un 0,25% no 2015 pero o que non explicaron é en que se traduce iso á hora de cobrar. Iso supón un aumento de 2,52 euros ao mes e polo tanto os pensionistas teñen que estar contentos porque xa poderán vivir por encima das súas necesidades e seguirán agradecidos e votando a don Mariano. Por outra banda é público e notorio que a perda do poder adquisitivo entre 2011 e 2014 foi bastante maior a ese 0,25%, unha media dun 4%, o que significa que se necesitará moito tempo para que os pensionistas recuperen o que perderon pola política de recortes auspiciada polos que arestora queren seguir liderando ese plan de recuperación a conta dos asalariados, por aqueles que nos últimos catro anos deixaron minguada a caixa das pensións. Seguen mentindo. Os pensionistas xa poden esperar.
Hai algo que deberamos ter claro: os xubilados fixeron un plan de pensións co Estado, co goberno, algo parecido a eses plans de pensión privados aos que tanto nos animan. Se descenderon as cotizacións á seguridade social, haberá que atopar financiamento por outra banda, vía impostos, por exemplo, aos que ata o de agora se foron de rosiñas ou aplicando unha política fiscal xusta e equitativa. Todo menos entrar a saco nas arcas das pensións. Non sei ao que podería aspirar a cidadanía nun futuro se fallan as garantías do Estado.
Hai que ir na procura de subir as pensión mínimas e axudar ás persoas que non perciben prestación social de ningún tipo, pero isto non semella estar nos plans do aspirante a presidir o novo goberno, un goberno que polo que se ve vai ter que emanar dunhas novas eleccións ás que precisamente Mariano Rajoy non debera temer porque ata que teñan lugar, os beneficiarios deses 1.500 postos de traballo que, segundo el, se están creando cada día, en agradecemento poderíanlle outorgar unha chea de votos e upalo a presidir un goberno con máis do mesmo, con máis sacrificios para os que menos teñen. En fin, malia todo isto, desexo a todos os meus lectores o mellor para estes tempos vindeiros e que todo lles vaia, nos vaia estupendo...a pesares do goberno que nos toque.