AS EXPORTACIÓNS COMO LOCOMOTORA

Parecería  razoábel, para quen non estea metido no tema, que a Xunta de Galiza se sinta satisfeita porque as exportacións superan ás importacións. Isto permitiría evitar que se destrúa tanto emprego, tendo en consideración que o PIB decreceu no último ano e volverá facelo neste (pola queda do consumo interno). Ao fío desta noticia, algúns medios destacan que a nosa balanza exterior vai a mellor ritmo que a do Estado español (EE), e mesmo afirman sen ningún rubor: “que deben aprender de nós”; coa evidente intención de fortalecer a figura de Feijóo.
Agora ben, esta enxurrada de optimismo resulta esaxerada, ou cando menos precipitada. Ante todo, porque non é igual o que se entende no EE como exportacións/importacións que a valoración que fai a Xunta de Galiza.
No EE aparecen nos datos todo o comercio exterior, no noso país exclúese aquel que se realiza coas outras nacionalidades e autonomías que integran o Estado, ou sexa, aproximadamente a metade do total das exportacións/importacións. Daquela, sendo unha análise parcial, manter unha actitude optimista ou pesimista en relación a este tema é pura especulación. A menos que se realizaran táboas input-output posteriores ás do ano 2008, que descoñecemos?
No ano 2008 tiñamos na Galiza un saldo negativo importante no conxunto do comercio exterior. Sabemos que agora equilibrouse nunha parte da balanza comercial, mais de pouco serve se continúa sendo negativa coas nacionalidades e autonomías do Estado español. O medre desta tendencia resultaría moi grave xa que sería un síntoma máis do carácter periférico. Este non é un aspecto secundario cando se fala de recuperación da economía e do emprego. Que opina sobre isto a Xunta de Galiza?
Fóra da área do Estado, no comercio notouse a contracción das importacións de bens consumo e capital, e un saldo moi favorábel con Francia, Italia e Portugal.
A pregunta é se durará. Unha certeza: aínda que pode axudar, resulta practicamente imposíbel que poida substituír o consumo interno como locomotora da economía, máxime cando o ano pasado este caeu nun 6% e todos os países fan o mesmo. A aposta pola deflación social non é saída.

 

AS EXPORTACIÓNS COMO LOCOMOTORA

Te puede interesar