Dos trazos grosos

Que unha das características do debate político é a vehemencia, é cousa sabida dende a antiga Roma. Que a defensa de posicións e o intento de sacar vantaxe, adobando convenientemente os erros dos opoñentes, é de primeiro de debate  incluso na Universidade Rei Juan Carlos. 
Pero utilizar trazos grosos nos debates de máis alto nivel no Congreso, a casa da Palabra por excelencia, descalifica e avergoña a quen utiliza os exabruptos coma recurso e estratexia. Máis aínda cando o fai a sabendas de que está dicindo non só o que non é, senón que busca incluso poñer en dúbida o papel das Institucións e do Estado. 
Sempre haberá quen diga que isto convén coma recurso para reforzar o bipartidismo. Ou que en política as cousas non son o que parecen, e que nunca o león foi tan fero coma o pintan. Pero non é certo. A verdade sempre chegou silenciosa e respectuosa. Co seu peso de razóns, argumentacións e criterio. Nunca precisou de berros nin de insultos para asentar a luz das súas evidencias. Non se pode gañar posición a calquera prezo. Desprestixiar a persoas e Institucións por que os datos de intención de voto non sopren favorables, é de escasa capacidade política. Falar de cistitis en referencia aos informes do CIS, non é nin gracioso nin oportuno. O único que evidencia é un temor reverencial a que, efectivamente, os datos que arroxa sexan verdadeiramente certos. E o retorno ao goberno, sexa o soño utópico dunha noite de outono, case inverno.
Os baleiros dos soños –dixo El–pesan como  distancias, ou como noites escuras, ou como mares que abrigan as liñas das praias nos invernos... Unicamente, o ruido dos teus pasos incendia e contamina os meus sentidos.

Dos trazos grosos

Te puede interesar