Río revolto

Entre os meus fondos bibliográficos, sen que poida precisar onde, ten que haber un opúsculo, do que agora tampouco recordo o título, no que aparecen unhas viñetas, que sempre que as vin me causaron grande impacto emocional. É por iso que as teño moi fixadas na mente. Nelas, vese un home camiñando polo monte cun cativiño no colo. Ao atopárense de súpeto cunha parella da garda civil, o rapaciño, sorprendido, dille ao pai: -Aita! Sen mediar máis palabra un dos membros da parella esíxelle a este: -Pégale una bofetada. Velaí un magnífico exemplo de harmonización lingüística, acompañado, ademais, do célebre “la letra con sangre entra”. Mais, o que recollen as viñetas tería base real? Ou sería pura ficción? 
Porque xa sabemos que estamos rodeados de moito mentireiro con incribles capacidades fabuladoras. En calquera caso, penso que quen acusa as autoridades políticas e educativas catalás de practicar un sistema lingüístico autoritario, antes de se manifestar con tanta alegría debía pensar en exemplos de usos lingüísticos como ese das viñetas, ou en outros moitos similares. Iso si é autoritarismo. Como exemplo de autoritarismo foi, ao meu entender, o recurso fácil da aplicación do artigo 155. Unha vez nese río revolto de competencias, o PP quixo tirar partido da situación en materia lingüística no terreo educativo. Así, ideou unha estratexia, que xa comezou a aplicar, para restablecer, din eles, a educación en español en Cataluña. Mais a sentencia, hai uns días, do Tribunal Constitucional, que anula a obrigatoriedade, contemplada na Lomce -cando derogarán definitivamente ese adefesio?-, de que a Generalitat teña que costear o ensino en español na privada dos alumnos en Cataluña –que faltaba!– condiciona esa estratexia, segundo manifestou o señor Albiol, que, ademais de líder do PP no Parlament, é senador. 
O do pluriemprego na política española é case tan alucinante como pensar e dicir que co sistema educativo actual as crianzas residentes en Cataluña non van saber español. Como non son parvos, resulta evidente, os cataláns non van renunciar gratuitamente ao coñecemento real e efectivo dunha lingua que, non teñen dúbida ningunha, lles pode abrir portas fóra ou na propia Cataluña. Non hai máis que ver a soltura coa que, polo mundo adiante, se manexan en diferentes idiomas os seus dirixentes. Non como outros e outra, vaia.
Na miña modesta opinión o fundamental do problema está no punto de chegada do proceso. Penso que os dirixentes cataláns teñen claro a onde queren chegar. E así o manifestan. 
Os dirixentes españois, pola contra, creo que só teñen claro a onde non queren que se chegue. E non saben o porqué? O demais é literatura.
 

Río revolto

Te puede interesar