Seica dona Celia Villalobos falou hai uns días sobre o problema das pensións e coido que dixo que a solución sería traballar ata os oitenta anos. Non sei se foi iso exactamente o que dixo, pero si sei que moita xente a puxo “a caer dun burro”. E nembargante, dona Celia non só tiña algo de razón, senón que a súa idea era moi atinada, porque imos ver: Por unha banda, se a xente traballara ata os oitenta anos, aumentaría moitísimo a recadación polas cotizacións; e por outra banda, por moito que vivise despois dos oitenta, o tempo de cobrar a pensión diminuiría notablemente, ou sexa, negocio redondo. O problema quedaría resolto, ata que houbera que subir a xubilación aos noventa. Non se pode negar que é unha idea atinada para salvar as pensións, malia que os que non se salven sexan os pensionistas. Pero iso non ten importancia, non é? Porque somos moitos e, cando eu era novo, os homes xubilábanse aos 65 e morrían aos 67. Os que chegaban a eles, claro. Mala chispa...!!!