Intereses

|

o xoves 1º de xaneiro de 1874, da man de Valentín Lamas Carvajal, vía a luz en Ourense El Heraldo Gallego, / Semanario de Ciencias, Artes y Literatura. O xornal, que tiña a administración no número 4 da rúa de San Pedro, fora impreso no prelo da “Viuda de Lozano”. Abríao o editorial “Lo que somos y a que venimos”, asinado por “La Redacción”. Nese texto de exposición de principios podemos ler que nacía “entre un pueblo que ha sido siempre abandonado por todos los gobiernos de España, que cuidan tan solo de arrebatar para el contingente del ejército los brazos tan necesarios para la agricultura, único medio de vida con que cuentan los campesinos de estas comarcas, y de cobrar, amenazando con repugnantes recargos, las crecidas contribuciones que les imponen”.
Esa situación cambiou. De feito xa non hai recrutamento obrigatorio e a agricultura e o campesiñado deixaron de ocupar un lugar central na economía galega. Mais o que non mudou foi o abandono de Galicia por parte de todos os gobernos de España.
O editorial, despois de referir as causas que motivaban o atraso de Galicia, quería deixar claro que “El Heraldo Gallego viene á levantar su voz en defensa de Galicia, á procurar la prosperidad el engrandecimiento de esta pátria tan bella como desgraciada; no imploramos compasión, pedimos justicia; nuestro programa está condensado en estas frases: Galicia ante todo, Galicia sobre todo”.
Esa bandeira, ese “honroso lema” de “Galicia ante todo, Galicia sobre todo”, exposto con frecuencia nas páxinas do semanario ourensán, veume á cabeza no momento en que empecei a ter a certeza de que os orzamentos que ía presentar o goberno non se aprobarían. O lema é unha frase bonita para encabezar unha campaña ou unha acción reivindicativa de calquera tipo. Non obstante, paréceme que como frase programática perde bastante sentido se se reduce a antepoñer a cuestión nacional a calquera outra necesidade. Ao meu modesto entender nin Galicia, nin calquera outro lugar, pode estar ante todo e sobre todo; non pode ter primacía sobre o dereito á educación, á sanidade, ao traballo con salario digno, ao acceso doado á vivenda, á liberdade de expresión... É posible que os cataláns teñan algún lema semellante que os levou a unir os seus votos aos da dereita española para tumbar uns orzamentos que, se non eran a panacea para os seus males, supuñan unha substancial mellora do negro panorama deixado polo PP. Polo seu interese agardo que, en breve, non se teñan que mesar os cabelos.
 

Intereses