Despois obter unha ampla maioría de votos a favor dos orzamentos no Congreso, deixando acurrunchada á dereita e cun argumentario reducido ao ideolóxico, todo indica que serán aprobados sen cambios. Son uns presupostos máis ambiciosos que os anteriores, marcados polas preferencias do PP, xa que viñan da etapa de Montoro. Polo tanto teñen unha postura de partida progresista e están condicionados por unha política expansiva para superar a crise, un modelo de enerxía ecolóxica e a dixitalización impulsados pola UE. No acordo ten un papel destacado o nacionalismo catalán e vasco, co que isto pode implicar en relación a procura dunha saída negociada ao conflito con Cataluña e recoñecer no futuro a realidade plurinacional. No relativo á cuestión social quedan cortos no social, e pendente unha reforma fiscal máis equitativa, xa que a actual é moi favorábel as grandes fortunas e corporacións en comparanza cos estados da UE que serven de modelo á socialdemocracia.
Polo tanto marcan unha liña de actuación pouco ambiciosa e que marca liña para os vindeiros anos, que son de reconstrución, xa que coa escusa da crise mantéñense os privilexios dos poderes económicos, para alén dalgún aceno dirixido á galería na presión impositiva, sen gran incidencia nos ingresos fiscais. E sobre todo, e isto é o preocupante, e a principal razón pola que o BNG votou en contra, mentres que os orzamentos medran un 68%, no caso de Galiza reducen o investimento un 11%, 104 millóns menos, coa escusa de que superan a media que corresponde por povoación, e que o AVE está construído. Ambos razoamentos esquecen intencionadamente que o Estado ten co noso país unha débeda histórica en materia de infraestruturas e obras públicas, que se evidencia cando se compara con outras autonomías, e sobre todo na evolución do PIB, emprego, emigración, e a demografía. Ademais o AVE non está concluído, e leva décadas funcionando noutras autonomías.
O que resulta máis difícil de entender é o baixo nivel de critica que mantiveron deputados e deputadas galegos, por exemplo do PP que dirixe a Xunta, e sobre todo do PSOE e de UP, xa que votaron contra as emendas propostas por Nestor Rego, mesmo as de baixa contía e máxima urxencia. Por exemplo no caso de Ferrol para rexenerar a ría -só 1 millón de euros- ou unha partida para modernizar Navantia, que ten graves problemas de carga de traballo. Semella que pesa máis a cúpula do partido que os intereses da nación galega. Preocupante, e reflicte máis unha vez que a dependencia exterior ten reflexo interno.