A PEGADA DOS AVÓS

O venres da semana pasada tivemos oportunidade de asistir á estrea en Ferrol do documental “A pegada dos avós”. O auditorio de Caixagalicia mal puido acomodar a tanta xente e, a pesar do inconveniente que isto puidese supor, achamos necesario dicir que nos debemos reconciliar cos nosos concidadáns, vista a baixa actividade pola que a Fundación atravesa nos últimos tempos. Aclararemos, porén, que a media de idade dos asistentes había de sobrepasar ben os cincuenta anos e, canto ao segmento de persoas novas, pódese dicir que clamaba pola súa ausencia.
Como o título indica, o documental incide directamente no rastro deixado polos nosos maiores, por aquela xeración que está por encima da dos nosos pais. Os netos que, interesados polos datos difusos dos tráxicos sucesos acaecidos tras o golpe franquista do 36, queren indagar, saber que foi o que aconteceu con aquelas persoas que foron represaliadas por comprometérense coa República.
Os netos, pois, que se converten en compiladores e narradores desta información, vanse abrindo a unha durísima realidade, formándose cunha idea máis sólida acerca dos sucesos e tirando unha valoración final que os fará crecer como persoas, reafirmándoos nos valores que xulgamos máis radicalmente democráticos. Cada un dos narradores do documental parte de realidades moi distintas sobre o asunto, e até diverxentes por veces. Un deles, p.e., tiña un avó falanxista; outro, o seu bisavó e o seu tataravó foron fusilados por republicanos.
A ausencia de xuventude no visionado do filme resulta coherente coa realidade e co que, en certa medida, fica reflectido no traballo. Unha das narradoras explica o seu porqué acerca de se implicar neste tema: nos centros educativos non se toca ou pásase sobre as puntas dos pés, e ela desexa saber. Outros falan de que na casa tampouco se trata por ser un asunto incómodo. Pero o que máis fica de manifesto é o enorme descoñecemento sobre este infeliz episodio histórico. Verifícase a inmensa lagoa documental que existe (díxose na exposición previa ao filme), co risco de ser sepultada de vez cando as últimas testemuñas vivas desaparezan. Setenta e cinco anos transcorreron, trinta e cinco de democracia, e un xuíz, Baltasar Garzón, separado da xudicatura por ben tempo por resultar incómodo non se sabe a quen. Velaí a conclusión até o momento.
Dúas testemuñas privilexiadas asómanse ao documental: Mariquiña Villaverde, filla do anarcosindicalista, José Villaverde, e Gabriel Toimil, fillo de Amada García, muller de conviccións republicanas, con ambos pais fusilados por defenderen os valores democráticos da República. A Amada García nin lle valera o feito de ser crente, católica practicante e estar embarazada; foi fusilada no castelo de S. Filipe cando Gabriel contaba pouco máis de tres meses de vida. Preguntámonos cal foi a senrazón que levou a persoas a ditaminar que outros seres semellantes debían ser aniquilados polas súas ideas. De que maneira se pode, de xeito organizado, masacrar unha parte da poboación impunemente e non haber hoxe en día unha resposta que sirva para confortar ou desagraviar os familiares das vítimas? Di Manuel Rivas no documental que o que houbo foi un xenocidio, a sistematización do asasinato colectivo de persoas baseado, en moitos casos, nas listas de compromisarios de organizacións políticas, sindicais e asociacións de índole republicana.
A pertinencia do documental é máxima. Debémonos fornecer de ferramentas e útiles que nos fagan iluminar con clareza a verdade; cantos máis haxa, mellor servirán para tapar as bocas de quen se empeñan en reiterar o discurso dogmático e maniqueo de non abrir as feridas, de deixalas cicatrizar. Dificilmente se poderán remediar cando nin sequera a máis mínima cura se ten aplicado para o caso. Velaí as foxas comúns, os ‘paseados’ enterrados ao pé de onde os mataron e se impide exhumar. Que alivio recibiron as familias? Que consolo tiveron os familiares, pais e mais e fillos sen poder dar digna sepultura aos seus seres queridos? Perdóase, si, pero non se esquece, tal e como di Gabriel Toimil no filme.
A fractura das dúas Españas perdura no tempo. Infelizmente, a doutrina dos vencedores e dos vencidos prevalece, e aínda ousan falar de non abrir feridas. Corenta anos tivo o franquismo para perseguir, ocultar, difamar os perdedores, para honrar e dignificar a figura dos seus caídos pola patria, con actos de desagravio, mesmo permanentes, en monumentos e lápidas fixadas nas fachadas das igrexas. Deron, así mesmo, digna sepultura aos seus mortos. Mais agora, após 75 anos, que nos impide honrar e soterrar dignamente a aqueles que foron pasto da barbarie fascista? Quizá unha sociedade que vive anestesiada ou aferrollada por un medo atávico e patolóxico que lle impide reclamar que se faga xustiza da verdadeira.
Digno documental de Xosé Abad, como o seu “O segredo da Frouxeira”. De moitos máis Abades necesitaramos, porén, cando seica tanto hai aínda por ocultar por parte dalgunhas persoas.

A PEGADA DOS AVÓS

Te puede interesar