O momento actual destaca polos pronunciamentos públicos do poder xudicial advertindo ao pobo catalán que non pode participar no referendo por ser ilegal. Acusacións de sedición pola fiscalía, multas exemplarizantes por parte do Tribunal Constitucional. Mentres o Goberno envía máis de catro mil policías, centos de gardas civís, e efectivos de intelixencia que non se mencionan. Choca que non exista a mesma dilixencia cando se trata da corrupción política e delitos cometidos por grupos empresariais.
O Goberno e os partidos do sistema negan que isto sexa un “estado de sitio”, malia a ocupación do espazo público e limitación das liberdades. O uso da forza ten todas as características deste tipo de actuación. Só faltan os tanques nas rúas, pola evidente razón de que non son necesarios.
Tampouco se pode xustificar que o poder xudicial substitúa as institucións políticas cando se trata de diverxencias que implican cuestións estratéxicas. Máxime cando non se expresan de xeito violento. Estes días, algúns xuristas destacaban que a fiscalía e os xuíces deben actuar e xulgar feitos singularizados. Non é así, neste intre estase a colocar o poder xudicial por riba dos cargos electos mediante o voto en temas de claro matiz político, de modelo económico-social, territorial. Dálle folgos a esta tendencia, que o Partido Popular queira tratar como un problema de delincuencia e sedición o referendo, porque choca cos intereses do capital. Quere frear o apoio popular e non se queimar con medidas represivas. Mais xudicializando o tema, non existe negociación posíbel e a fenda non deixará de se agrandar.
A xustiza non sairá ben parada desta lea. Excedeuse tomando medidas coercitivas que limitan a capacidade das persoas para se manifestar, opinar ou defender un determinado modelo de sociedade. Alentouse unha fenda social que irá a máis. Con esta lóxica acumularanse as sancións económicas, de cárcere e os impedimentos para exercer cargo público. A forza substituíu á razón, á democracia, aos dereitos básicos. Argumentar como único criterio que se debe impoñer a legalidade tamén era a escusa do franquismo. Non se debería ignorar o pasado.