O agromar do nacionalismo político

Hai medio século un fato de mozos e mozas, tanto na Nosa Terra como en Madrid, daban vida ao Consello da Mocidade. Antón Moreda, que estivera organizado na Arxentina nas Mocidades Galeguistas e na Irmandade Galega, retorno ao país e traía o encargo do Consello de Galiza de facer novos contactos no interior para reconstituír o Partido Galeguista. O resultado foi o nacemento no mes de novembro de 1963 na Coruña do Consello da Mocidade, coa asistencia de dúas ducias de persoas, que elixían a Moreda como secretario xeral
Moreda foi esencial na construción desta organización política clandestina, xa que serviu de nexo entre os que se integraron: mozos da Brais Pinto (traballadores ou estudantes en Madrid), outros relacionados con Galaxia (onde el traballaba), e aqueles que formaban parte de asociacións culturais. Estas foran xurdindo a principios da década, como O Galo de Compostela (1961).
Axiña estouparon as diverxencias, tanto no aspecto nacional, como no relativo á liña e ás alianzas. Ramón Piñeiro, e a maioría daqueles que se sentían depositarios na Galiza do que no seu día foi o Partido Galeguista, ficaban refuxiados no culturalismo. Non estaban pola labor de  reorganizar o nacionalismo politicamente, e moito menos que estivese marcado por unha estratexia antiimperialista e anticapitalista. Un temor do galeguismo histórico que sería alentado polo avance dos procesos emancipadores no mundo, nos que era evidente a unidade entre liberación nacional e democracia popular, no camiño do socialismo. Polo que se reproduciu no Consello da Mocidade o debate político da Guerra Fría existente na Europa occidental.
En decembro, nunha xuntanza en Compostela, e dun xeito definitivo noutra o 7 de xaneiro de 1964 na cidade de Lugo, concrétanse as expulsións do sector antiimperialista. Ficaría así tronzada a primeira iniciativa reorganizadora do nacionalismo galego.
Foi polo tanto unha experiencia curta, só durou uns poucos meses, xa que as contradicións non eran menores. Xurdian pouco despois a UPG e PSG, que dalgún xeito xa se estiveron xestando en paralelo ao funcionamento do Consello da Mocidade, especialmente o segundo.

O agromar do nacionalismo político

Te puede interesar