Megalomanía

|

Segundo o dicionario da Real Academia Galega (RAG), megalomanía, substantivo feminino, é a convicción irracional ou actitude de quen ten delirios de grandeza e, polo tanto o adxectivo megalómano é o que ten un excesivo desexo de grandeza e de poder. No dicionario da Real Academia Española (RAE), atopamos unhas máis amplas definicións e acepcións que non podo poñer aquí por falta de espazo e por consideralas excesivamente fortes.

Eu ben sei que estes meus comentarios non van ser moi ben acollidos pola maioría pero, así o penso e así o digo: Non estou de acordo con que se faga en Madrid o mellor estadio do mundo, falando en roman paladín, un dispendio de cartos, disque quiñentos millóns de euros, que estarían mellor empregados noutras cousas, obras sociais por exemplo, máis urxentes e necesarias. 

Nun país como o noso, con máis de seis millóns de parados paréceme, cando menos, fóra de lugar semellante idea. Esta obra concorda completamente co xeito de proceder, en todo o que ten relación co fútbol, dun dos homes máis ricos e poderosos de España; xa o di o refrán, “poderoso cabaleiro é Don Diñeiro”. 

Aí temos, por poñer un exemplo, a recente fichaxe do novo adestrador por uns cartos de escándalo, dos que xa teño falado aquí.

Non é a miña intención entrar en disquisicións sobor da conveniencia e das vantaxes de ter o mellor estadio do mundo, nin sequera nas consideracións económicas do asunto das que habería moito que falar. 

O que si está claro é que tal proxecto, nace da vontade, do ego, dun home que tolea por pasar á historia.

O seu nome non o direi non. Tampouco fai falta que o diga, porque é ben coñecido, (¡ay! esa inexplicábel e desmedida admiración que hai neste noso país polos homes que fan cartos a esgalla, veñan estes de onde veñan). 

O que si se me ocorre e un sobrenome que dadas as circunstancias, lle acae moi ben a partires de agora: O Gran Faraón, a mesma altura daqueles outros que nos deixaron para á historia, as pirámides de Exipto, Keops, Kefre, Micerino  etc.

Só lle falta cambiarlle o nome ao estadio, ¡que todo chegara!, o caso é atoparlle as voltas ao asunto, que os cartos, menos a morte, todo o arranxan. 

Megalomanía