Miguel Carlos Vidal

|

Coñecín a Miguel Carlos Vidal Vázquez hai máis de sesenta anos naquela pasantía rexentada por unha súa irmá onde el daba clase de matemáticas. Anos cincuenta do século pasado. 
Home de moitos saberes e traballador incansable como o demostra o seu moi dilatado currículo. Logo de acadar o titulo de avogado traballando na antiga Bazán estableceu o seu bufete na rúa Real xunto cos seus fillos onde, que eu saiba, continua dirixindo, aos seus oitenta e sete ben levados anos. Un ferrolán ilustre e ilustrado, profesor de varias xeracións, laboralista de sona e celebrado poeta, todo un exemplo a imitar. 
De xeito máis ben anónimo e silandeiro, por riba de traballos e estudos, aínda tivo tempo, lector apaixonado, de acadar, por méritos propios, un lugar no mundo da cultura con relacións de amizade cos grandes nomes da literatura galega e nacional. 
Cofundador da revista “Aturuxo” nos anos cincuenta xunto con Miguel González Garcés, Mario Couceiro, Leyra Dominguez, Tomás Barros e Isaac Díaz Pardo. Seica foi íntimo amigo de Álvaro Cunqueiro, o gran fabulador das terras de Miranda. Penso asemade que nos seus vraus na miña real vila de Guitiriz, coñeceu e trabou amizade con Xosé María Díaz Castro, o poeta dos Vilares de Parga. Como di Ramón Loureiro na Voz de Galicia, “extraordinario conversador, maestro de la ironía y hombre al que nadie ha oído alzar la voz nunca”. 
Eu podo engadir: un home pouco dado a lisonxas, louvanzas e outras vaidades mundanas, pero dunha afabilidade e dunha educación exquisitas.
Ven todo isto a conto pola publicación do seu terceiro libro de poesías en castelán, froito de moitos anos de traballo, titulado “El cuarto, la tarde, las rosas... (y otros símbolos)”, que moi axiña estará en tódalas librerías do país, presentado pola editorial compostelá Follas Novas. 
Como comenta o autor con un sorriso, este novo libro xira arredor da transcendente pregunta de “si uno existe o no”. Poemarios anteriores foron “Orvallo” en 1953 e “Ayer en que te dices” no 2002.     
Este longo distanciamento no tempo entre publicacións, da unha idea do moi coidadas e traballadas que son as súas poesías. 
Dende este apunte meus parabéns amigo Carlos e, xunto coa miña admiración, unha aperta forte. 

Miguel Carlos Vidal