Honestidade

E o que se di cando unha persoa actúa correctamente dentro dos parámetros da moral especialmente no que concirne ao respecto pola propiedade allea. Resulta unha palabra de difícil aplicación nos tempos que corren con todo o que se está a ver en persoas e asociacións que, polo que representan, deberan predicar co exemplo niso de comportarse como mandan os cánones da moral. 
Ninguén pon en dúbida o poder que exerce o diñeiro sobre outras cousas e do atractivo que resulta chegar a él sen demasiadas dificultades. Xa que logo non sorprende como algúns desde certas esferas do poder político meten man sen recato na caixa común, e esta praxes acábase aceptando por unha maioría como algo normal porque pensan que si un estivese nesa tesitura faría o mesmo xa que somos así e aquí paz e alá gloria. Ocorre sempre que a ambición racha o saco e o que comeza por ser unha pequena sisa remata sendo un gran desfalco diante do cal haberá que asumir responsabilidades caia quen caia: e caeron. Caeron e van caendo os da Gurtel e agora caen os dos ERE e o triste do caso é que os demáis non porque aínda non accederon ao poder, que cando cheguen, se é que chegan, xa veremos. Dous casos paradigmáticos do latrocinio a mans cheas que afectan aos partidos máis representativos do noso panorama político. Non sei se será suficiente que a lei actúe facendo que os responsables o paguen ou se os partidos afectados por estes casos deban limparse quitando “ipso facto” do medio aos taúres sen escrúpulos que habelos hainos en ambas partes. Tarefa ben complicada pois arrevesado é decidir por onde comezar, pero non hai outra si se quer dar á política esas doses tan necesarias de honestidade da que está adoecendo.
Dun partido e doutro saen defensores dos condeados: que se non meteron diñeiro nos seus petos, que non sabían nada de nada que se patatín e patatán pero o caso e que se foron así coma así centos de millóns de euros entre Gurteles e ERES, manchas indelebles resistentes á proba do algodón que sitúan a honestidade nestes grupos de influenza democrática moi por debaixo do seu desexado nivel.
Un non nace honesto; fáise honesto a base de recibir a educación precisa e adquirir o sentido de responsabilidade, cousas que nun político deberan ser premisas fundamentais. Pensar en si mesmo e levarse o diñeiro dos demáis xa sabemos a que conduce. Estes casos representan pesados lastres e lamentablemente os honestos, ao paso que imos, vánse converter en inadaptados sociais. Tempo ao tempo.

Honestidade

Te puede interesar