Curso 1947-1953

Afotografía no INEM Concepción Arenal de Ferrol, debe ser do último ano, xa todos mozos e mozas. De arriba abaixo e de esquerda a dereita: José Poblaciones Porta, Pepín, almirante da Armada en situación de retiro. Javier Bajo Cao, de Xuvia, Coronel de Infantería de Marina, un home cun gran sentido do humor. Compañeiro no Instituto e na Escola Naval. Deixounos hai xa varios anos. Miguel Montero Martinez, de Mugardos, recordo que tamén estudaba Comercio que era a alternativa ao Bacharelato. Hai moito tempo que non sei nada del. -Carlos Andrés Mosquera Cabo, “Massahuerts”, traballou na Bazán de enxeñeiro técnico. Morreu nos EEUU nunha viaxe de traballo. -Francisco Fernández Merlán, da Mourela, un fora de serie, numero un indiscutible no Instituto e logo na Escola Naval. Morreu moi novo nun tráxico accidente de moto. Miguel Ángel Fernández Fernández, Miguel el largo. Moi alto e estirado. Traballou na Bazán. Xa hai anos que nos deixou. Santiago Martinez Bujones, “Buck Jones”, policia en Barcelona, onde finou hai varios anos. Eran famosas as súas liortas co seu amigo Kad Horniga. Miguel Angel Díaz Montero, outro de Xuvia, médico da Armada. Vítima tamén dun accidente de tráfico. Gumersindo Fernández Porto, o gran porteiro do equipo de fútbol. Tampouco está xa con nós. Manuel Abeledo Maristany, “monsieur Abeletó” como lle chamaba Chalín. Avogado na Armada, xa retirado, como todos, vive dende hai tempo en Pontevedra. Santiago Evia Tojeiro, enxeñeiro de Astano un gran rapaz co que teño o pracer de falar de cando en vez pola rúa Real de Ferrol. Ángel José Montero Loyola, “Galopadas”, de Castro, ia para futbolista, logo resultou que era outro fora de serie. Enxeñeiro electrónico e almirante da Armada. Antonio Barreiro Seoane, “Marquitos”, médico estomatólogo, gran persoa. Deixounos hai un par de anos. Santiago Fernández Cadorniga, “Kad Horniga”, contrincante nas pelexas á saída de clase con Buck Jones malia que eran grandes amigos. Na fotografía hai tamén oito rapazas, mágoa porque non son quen de poñerlles nome. O que si recordo moi ben é que todas elas, sen excepción, eran magníficas estudantes. A tod@s, entrañables compañeir@s, dende esta ventá que me brinda DF, unha aperta forte neste vrau 2016. Para os que xa non están con nós, un recordo apaixonado.

Curso 1947-1953

Te puede interesar