Trece de maio

El trece de mayo la Virgen María / bajó de los cielos / a Cova de Iría. Ave, ave, ave María. / ave, ave, ave Marí-a”, é unha das numerosas cancións coas que me martirizou o nacional-catolicismo imperante naquela sinistra España da ditadura franquista. Ese 13 de maio era o de 1917, polo que nesta semana que entra se celebra o centenario da primeira das seis supostas e incribles visitas dunha “señora que viña do ceo” a tres rapaciños, pastores da aldea de Alxustrel, Fátima: os irmáns Francisco e Xacinta –aos que o día do centenario vai canonizar o papa– e a súa curmá Lucía. Nos medios de comunicación do Portugal dos tres efes –fado, fútbol e Fátima– hai algún tempo que con relativa frecuencia veñen aparecendo noticias relacionadas con ese centenario e coa visita papal. Hai algo menos dun mes, lin nun diario portugués unha entrevista co sacerdote Mário de Oliveira –coñecido popularmente como o Padre Mário da Lixa– autor de dous libros polémicos sobre o santuario de Fátima: Fátima nunca mais (1999) e Fátima S.A. (1915), obras cuxa existencia descoñecía. Como a entrevista me parecera realmente alucinante, quixen aumentar a información á espera de que me cadrara poder follear e, posiblemente, mercar o segundo dos libros. Polo que fun lendo sobre Fátima S.A. –na rede atópanse cousas-, sei que a obra é froito dunha longa investigación que lle demostrou ao autor que “o Santuário de Fátima é unha máfia poderosa”. Consecuentemente, acusa a Igrexa de cometer un “crime de lesa humanidade” ao criar unha ostentosa escenografía repleta de “vergonha, mentira e crime” e conclúe que as supostas aparicións só serviron para enganar con desprezo as xentes máis desamparadas. Para chegar a esa conclusión, non tivo que interpretar nada, só tivo que ler a chamada Documentación Crítica de Fátima –case toda ela da responsabilidade do coengo Formigão, o gran inventor das “aparicións”de Fátima, a imitación das de Lourdes–, mais tivo que facelo en clave de humor, para non ter que vomitar. Visto o visto, non me digan que non é para ficar abraiado ler que na manifestación do 1º de maio en Viana do Castelo o secretario xeral da UGT aplaudiu a decisión do goberno de decretar “tolerância de ponto” –faltar ao traballo- para a función pública na tarde do 12 de maio, data da chegada do Papa a Portugal, e solicitou aos patróns a mesma medida para os traballadores do sector privado.
 

Trece de maio

Te puede interesar