Despoboamento

|

Amanifestación do pasado domingo en Madrid, para chamar a atención sobre o despoboamento dunha parte considerábel do Estado español, foi apoiada por case todos os partidos, e os medios déronlle unha gran cobertura. 

Algunhas forzas ofreceron axiña medidas, como rebaixar impostos e outorgar subvencións. Como se con saídas tan sinxelas se corrixise un problema que ten un carácter estrutural, que axe a prol redistribución da poboación a favor das grandes cidades, e que as actividades agrarias perdesen peso na escala de valor. 

A tendencia actual da creación de emprego nun territorio está relacionada coa economía de escala, coa competencia no ámbito mundial, coa centralización e concentración da riqueza e do poder. Isto ten consecuencias sobre todos os aspectos da vida, na creación de emprego, nos ingresos, na demografía. 

Por exemplo, no retroceso e avellentamento da poboación na Galiza, no aumento da desigualdade, da precariedade laboral, na desfeita medio ambientais, no eido cultural e lingüístico. Todo forma parte do paquete da globalización neoliberal, non é unha consecuencia dos avances tecnolóxicos, senón ao servizo de quen están e con que fin. 

Daquela, ou se vai á raíz do problema ou a protesta e mobilización, que sempre é necesaria aínda que sexa para que aflore o drama e sensibilizar á sociedade, terá un efecto limitado, logrando como máximo frear algo a tendencia, gañar tempo, cando o esencial é revertela. 
Cómpre cambiar a dinámica económica que valeira o mundo rural e as zonas interiores. Hai que dar pulo a un sistema económico e social onde prevaleza un desenvolvemento autocentrado e sustentábel, dándolle o valor que corresponde á produción local e nacional, dignificando as condicións laborais.

E, mentres non se realizan estes cambios estruturais, deberíase facer un esforzo de mellora dos servizos esenciais, do transporte e internet, alentar a instalación de empresas de transformación e comercialización privadas (e por que non públicas cando sexa necesario?). 

De pouco valen as promesas electorais propondo medidas sen eficacia garantida de transformación do tecido económico, nun tema de tanta fondura. Debese ir ao miolo da cuestión. 
Sei que no futuro non se poden manter as 30 mil aldeas do rural galego, mais si unha distribución racional da poboación, que non converta en desertos o que durante miles de anos foron bisbarras cheas de vida. Este problema é parte dun modelo no que as contradicións non deixan de medrar, por máis que o espectáculo induza a mirar para outro lado.

Despoboamento