Cambio de tendencia na América Latina

América Latina forma parte da periferia, dos países que teñen un papel subalterno na cadea de valor, aínda que ao abeiro da crise económica de 1929, cun imperialismo debilitado, houbese a pretensión de construír un “capitalismo nacional” con concesións sociais. Destacando neste aspecto as experiencias de Brasil, México e Arxentina cos gobernos de Vargas, Cardenas e Perón. 

A caída da URSS e a globalización neoliberal esmagou definitivamente estes intentos, cos conseguintes retrocesos no ámbito social e unha maior dependencia externa. Este neocolonialismo non está exento de contradicións, tanto porque se cuestiona o imperialismo estadounidense como polo avance incuestionábel de novos centros de poder no mundo. Porén sobre todo rexeitase o medre da desigualdade social e da pobreza, da precariedade laboral, da desfeita dos ecosistemas, e do crecemento da violencia e da delincuencia económica. 

Neste contexto, dun capitalismo senil, hai que entender non só a reelección de Evo Morales en Bolivia, malia a presión externa e interna das clases dominantes, así como o triunfo da alianza entre nacionalistas e esquerda na Arxentina que derrotou ao neoliberal Macri. Mais, a diferencia doutros procesos anteriores, nos que estes cambios podían formar parte da alternancia, neste caso non se pode obviar que veñen precedidos de grandes mobilizacións sociais, como sucede  na Arxentina. E, ademais danse paralelamente as inmensas manifestacións de carácter popular, que se manteñen no tempo, como en Ecuador e Chile, que están máis próximas dunha insurrección social que dunha masiva protesta puntual. Non se pode obviar este salto cualitativo. Manterase? Até onde cuestionará o futuro da rexión tanto no plano interno como nas súas relacións exteriores?

Pensar que está garantida unha tendencia máis favorábel a un mundo multipolar sería un erro. O que está a pasar en América Latina só amosa as limitacións do sistema, mesmo que conte cun aparato de propaganda e represivo tan forte. Mais, a construción dun proxecto alternativo, a nivel nacional e rexional necesita asemade de novas regras de xogo internacionais, ou cando menos dun contexto multipolar que permita un  maior grao de soberanía para as nacións subalternas. Para fortalecer esta tendencia son fundamentais os gobernos de esquerda e progresistas, a mobilización popular, medios de comunicación alternativos, e sobre todo a construción de suxeitos políticos que representen e organicen as aspiracións da maioría social. O de Bolivia e Arxentina é un paso adiante.

Cambio de tendencia na América Latina

Te puede interesar