O outro día comentaba nas redes que ultimamente vía moito a Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, nas televisións mesmo as de ámbito estatal. É asinante do manifesto “Ahora en Común” que busca iniciar un proceso de converxencia que ten como cita electoral importante as próximas eleccións xerais. Non é casualidade tampouco a visita en breve espazo de tempo dalgúns dos líderes máis destacados da esquerda no noso estado. Alberto Garzón ou Pablo Iglesias saben que a nosa cidade leva uns anos tendo un protagonismo recoñecido en movementos políticos de unidade que xeraron novas perspectivas de como facer as cousas. Exitosas foron experiencias como AGE e o papel de Yolanda Díaz, as eleccións europeas e dende logo Ferrol en Común. Molesta a moitas persoas, vivimos momentos duros, situacións límites pero soubemos estar na vangarda dos tempos e creo sinceramente que podemos estar orgullosos do papel de Ferrol no escenario actual.