A OUTRA “BERNARDA ALBA”

Leo na prensa que hai uns días un xuíz ordenou deter a unha rapaza que vive nunha casopa por un roubo gravado para TV no ano 2009. Dita rapaza cuxo nome é Carina Ramírez forma parte dun grupo de teatro afeccionado –TNT Teatro– formado na súa totalidade por residentes do asentamento de chabolas sevillano do barrio de El Vacie. Andaron a representar “La Casa de Bernarda Alba” de Federico García Lorca, non so pola península adiante senón tamén por fora da raia. Este mesmo venres chegaban a Málaga procedentes de Rotterdam logo de participar nun certame de arte comunitario nesa localidade holandesa. Polo que se ve tiñan previsto representar a obra en Elche, pero a orde xudicial tronza a faceta artística desta rapaza, nai de tres nenos de curta idade.
Por unha banda ven a miña mente o fantástico labor que fai o teatro como actividade para tentar de manter dentro das funcións sociais a xente que, por diversas circunstancias, adoptan comportamentos antisociais, como ven de ser o caso aludido. Acórdome agora da inmensa labor que está a facer o meu amigo Xerardo Moscoso, agora director de teatro, aló en Puebla, no estado de Cohagüila en México, que conseguiu afastar da rúa a un grupo de rapaces e  rapazas que tiñan aferrados vencellos co mundo marxinal e das drogas grazas a implicalos directamente co entorno do teatro. Por outro lado non podo deixar de pensar nos diferentes padróns con se se xulga e condena neste país. Carina Ramírez roubou uns ferros que lle reportaron 30 euros xunto a tres compañeiras máis. O episodio foi gravado para un programa (21 Días) da Catro, e agora cinco anos máis tarde chégalle a condena (un ano de prisión). Din que cando estaba en paro, tamén roubara e tiña varias condenas menores que non se lle poden conmutar por multa posto que carece de posibilidades económicas. Quero imaxinar que Carina  se apropiaba clandestinamente de chatarra porque precisamente non estaba ás portas, senón dentro da pobreza absoluta. E de verdade, un non sabe o que faría nesas circunstancias. Outros rouban máis, moito máis, pero non van á cadea: non fai falla exemplos porque están na mente de todos.
A obra “La Casa de Bernarda Alba” representa a represión exercida sobre as mulleres na Andalucía rural que Federico García Lorca mostra con grande fidelidade nesta peza teatral. Adela, unha das fillas de Bernarda, dille á criada que aos homes se lles perdoa todo, e esta respóndelle: “nacer muller éche o peor castigo!”. Descoñezo  o  papel de Carina Ramírez, que filla é, na versión do grupo de teatroTNT, pero na realidade non cabe dúbida de que é unha filla prisioneira desta Bernarda Alba actual, deste sistema que permite que afonden tanto as desigualdades e que da pe a que xente coma ela actúe á desesperada nunha representación tráxica da realidade.  E iso non é ficción, é a vida mesma.
Non entro a valorar a legalidade da sentenza, pero a min paréceme inxusta, dadas as circunstancias. Unha vez máis queda amosado que  non todos somos iguais diante da lei. A Carina hai que lle dar traballo, que é un dereito contemplado na nosa Constitución, e tendo traballo abriránselle as canles para abordar as necesidades básicas da súa familia e dese xeito podería seguir sendo unha das fillas de Bernarda Alba, pero iso si, so na ficción, no teatro.

 

A OUTRA “BERNARDA ALBA”

Te puede interesar