PIÑEIROS, O ESTANCO, EMILIO E ERMITAS (II)

Sor Josefa, a primeira Superiora da Residencia San José, que tamén estaban aquí de moi pouco, díxome: “Para calquera información seria, formal, de calidade, con discreción e de fiar, fale cos do Estanco. Con Emilio e Ermitas. Vaille ser de moita utilidade. “Recollín a mensaxe.
A relixiosa vía a parroquia desde a capelae da xente que ía alí á misa. E ela sabía desta limitación. Sabía que Parroquia era unha realidade distinta, máis ampla e non podía ser unha prolongación da Residencia de Ancianos. Eran dúas institucións diferentes. Importantes ambas. Pero cada unha coa súa idiosincrasia e misión. 
Eu tamén quixen ir pouco a pouco traballando por min mesmo cada relación con cada persoa para as diversas opcións. O meu pensar e a miña misión era moi diferente segundo o lugar. 
Tiña de ter un proceder pastoral distinto e prudente segundo servise á comunidade e aos anciáns da Residencia ou, pola outra banda, ir tentando crear os alicerces dunhas barriadas distintas, con problemáticas pouco parecidas e mesmo con historias de dor e sufrimento. Porque tampouco eran iguais O Ponto, Piñeiros e  O Feal. E xa non digamos Freixeiro e a Estrada de Cedeira, que incluso hoxe xa son absolutamente distintos. Mirando cara atrás con bondade, sen ira e con agradecemento, creo que acertamos en case todo. 
E foi posíbel grazas a todos e a sabérmonos respectar e querer. Non nos traizoamos nunca nin nos intres máis difíciles. Daquela unha parroquia tiña moitas funcións que hoxe, grazas a Deus, son xa propias dunha sociedade civil e desenvolvida democraticamente, con maioría de idade e plena liberdade.
Xa sería ben que alguén tivese a idea de facer mesmo unha tesiña universitaria destas paraxes e  lugares curiosísimos da Estrada de Castela. Nelas está condensada a meirande parte da historia de Ferrolterra no seu fluir de entradas e saídas á cidade, das que os da urbe non era apenas  conscientes. Ficabámoslles lonxe. Si. Estes establecementos merecían un bo e serio estudo psico-sociolóxico. Unha selección incluso de hemeroteca. 
Lembrades a famosa pizarra de avisos ao público dos Solloso, na Ferrolana?  Nela estaba condensada a vida social, económica, etc. Citemos aquelas necrolóxicas, feitas con tanta arte e mestría.
 E os avisos das patacas novas, dos pitiños e polas, etc? Iso é merecente de facermos unha boa recollida de fotografías e comentarios antes de que desaparezan as persoas que aínda gardan memoria. Porque non fica moito tempo. E os e as que de verdade poden falar a fondo, xa van indo en idades avanzadas e a memoria tamén lles vai esmorecendo. 
Tamén podiamos falar do Cabalo Branco e de tantos outros de Narón e Ferrol. En Neda e Xuvia, que  eu coñecín menos, Vicente Araguas ten falado tan axeitadamente que é unha delicia lélo.
Valería a pena recoller as crónicas dos xornais da época escritas da man dos correspondentes Lobeiras, Souto Iglesias e outros máis. Aquí viñan preguntar o máis inesperado. Centro e fonte de información, lugar de referencia para todos e para todo. Mesmo para a Garda Civil. Pero, ollo! Tamén era un filtro da información a favor dos veciños. 
Son testemuña directa de como se teñen desfeito acusacións infundadas ou mesmo se ten axudado a xentes a pórse a salvo en épocas difíciles, correndo riscos serios. Hoxe xa se podería falar. 
Moitos segredos de daquela foron para a tumba. Por liortas non xustificábeis da Compañía, o teléfono chegounos moi tardiamente e non había máis remedio que achegarse e preguntar.
Moita xente fixemos camiño xuntos con moi diversos pensares. Hoxe faleivos con moito agarimo e gratitude de Ermitas e Emilio. Anteriormente  glosei a figura senlleira de Pepe Grandal. 
Seguirei facendo eses micro relatos por se alguén quere algún día afondar na nosa historia común. Unha aperta e moita gratitude.
 

PIÑEIROS, O ESTANCO, EMILIO E ERMITAS (II)

Te puede interesar