ÓRDAGOS PARA O BNG

Ben analizado, e á marxe da lóxica decepción de cantos sumaran vontades para forzar outra cadea de mando, o que finalmente deu de si a decimoterceira Asamblea do BNG non cabe na simplificadora descrición de vencedores e vencidos. Non se produciu o sorpasso na nomenklatura, ao seren Jorquera e Vázquez cabezas de ponte co cuarto de máquinas da UPG, pero quedou de manifesto algo ao meu ver decisivo: na práctica equiparación de forzas entre a opción socialdemócrata e a opción comunista xa non vai seguir tendo esta última a exclusiva do relato nacionalista. Fundamental para que o Bloque revalide a idea dun proxecto común, dinámico e radicalmente democrático, cara dentro e cara fóra. Un proxecto aberto á sociedade a través de tódalas fórmulas de participación posibles, capaz de conectar de novo con cantos lle confiaran anos atrás o seu voto -unha cuarta parte do electorado- sendo Beiras líder indiscutible. O relato a partir de agora será cousa cando menos desas dúas tendencias maioritarias.

Están forzadas a converxer. No ideolóxico, que esixirá un fortísimo aggiornamento, acorde cos cambios que dan nun novo modelo de sociedade, cada vez máis mediatizado e á vez máis contaxiado polos efectos da explosión tecnolóxica e dunha progresiva desregulación política, que aproveita o capitalismo para expansionarse sen límites, dando pé á globalización neoliberal que tanto sufrimento e indignación produce. Pero tamén na acción política, que se mantivo extremosamente burocratizada nestes anos pasados, perdendo a sintonía co electorado. Velaí en boa medida a explicación da cirrose electoral sufrida na secuencia dos últimos comicios, pola que o informe de xestión que aprobaron os pro-upegaios o sábado pasou como gato sobre brasas. Para resintonizar coa sociedade, e moi decisivamente cos movementos cívicos dos que o Bloque se veu divorciando, pese a teren constituido no inmediato pasado unha das súas principais fontes de vida.

Porque ese e non outro é o que minou na última década a presencia, a influencia e a capacidade de resposta que os seus militantes de base e milleiros de electores progresistas e galeguistas agardaban neste tempo de crises. Nin a frustración derivada do goberno bipartito, nin as supostas deslealdades de quen se atreven a facer transversal o seu discurso, nin a agresividade dos medios son, como alguén apuntou no Terra e Tempo, as verdadeiras causas do descrédito no que progresivamente veu caendo o BNG. É no divorcio coa sociedade onde está a raíz do mal. A organización, que deu mostras dun insano narcisismo interior, tantas veces explicitado en obsesión e disfrute de poder, non foi quen de contrarrestar cun discurso e acción política diferenciados o crecente malestar, a indignación, das precarizadas clases medias. Precisamente, como ten demostrado o sociólogo Fermín Bouza, as máis proclives ao BNG.

O órdago que se autoimpuxo a Asamblea –4.500 activos participantes, seguramente o máis numeroso dos cónclaves deste tipo en Europa– terá virtualidade na medida en que a lectura que fagan do resultado uns e outros non interiorice a idea de vencedores e vencidos. De interiorizalo, a cohabitación convertiríase nun inferno. E todo levaría á ruptura. Sería mortal para o futuro do nacionalismo galego, para o conxunto da esquerda e para que esta última sexa unha alternativa real de goberno ao PPdG.

 

ÓRDAGOS PARA O BNG

Te puede interesar