Aínda que diso hai máis de corenta anos, conservo case nítidas as imaxes do día en que coñecín o Fernando Miramontes, mostra evidente do valor que aquel encontro tivo para min. Foi na cafetería La Ibense, á noitiña, botándolle un algo cun grupo de amigos despois dun acto do Ateneo. Véxome, na parte do local que daba á rúa da Igrexa, nun grupo con el, Guillermo Llorca, Luís Mera, Manolo Couce, Tino Fraga, Arturo Lezcano, Pedro Sanz e, posiblemente, alguén máis. Malia que Vicente Araguas -o meu amigo máis de vello- o trataba e me contaba cousas, só o coñecía de vista. Por el e por outras vías tiña coñecemento da súa traxectoria de militante comunista duramente represaliado (detencións, multas, salvaxes torturas, cadea...), mais, ata ese día, nunca me cadrara ter contacto directo con el. Lembro que me sorprenderan moi favorablemente a súa afabilidade, a súa vitalidade, as súas risas francas, amistosas. Virtudes todas, entre outras, que sempre lle vin. Daquela, como non houbera eleccións municipais, aínda non puidera levar á vida pública as virtudes -algunha tan escasa neses ámbitod- que o distinguiron no desempeño das súas responsabilidades políticas: honradez, honestidade, compromiso, traballo incansable... Ademais da permanente camaradería exemplar. Botarémoste en falta, camarada.