Eloxio da dignidade

A mediados desta semana que se nos foi, lin, nas páxinas de La Opinión, “Las lágrimas de un alcalde”, artigo de José Manuel Ponte que me pareceu excelente. E conste que o da excelencia o digo á marxe de que o escrito coincida en maior ou menor medida coa opinión que eu poida ter sobre o tema tratado, coincidencia que neste caso é practicamente total. Aínda que hai ao redor dunha ducia de anos que deixei de morar na Coruña, entendendo por tal o feito de non dormir diariamente nela, nunca deixei de ter relación coa vida na cidade. De feito, seguín traballando alí, indo ao fútbol, a espectáculos diversos, a encontros coas amizades... e isto supuxo estar ao tanto do cambio político na cidade. Antes de máis nada quero deixar claro que son totalmente contrario ao que denominan peonalización da cidade vella, que, ademais, non é tal desde o momento en que polas súas rúas seguen circulando vehículos. Privatización de espazos seméllame un termo máis adecuado. Debo manifestar ao respecto que desde que tal se produciu non volvín poñer un pé nese territorio que os coruñeses de toda a vida chaman “la ciudad”, polo que non podo dar fe diso que leo con frecuencia nos xornais de que se converteu ou se está a converter en zona máis morta que viva. Outra cousa da que tampouco gusto, en absoluto, é da desfeita de aparcamentos polo carril bici. Se non se ve unha... Fóra disto e algunha que outra cousas, que non deixan de ser peccata minuta en comparanza coas desfeitas de todo tipo de gobernos anteriores, entendo que a xestión de Xulio Ferreiro foi máis que aceptable. Máxime tendo en conta que en moitas cousas non é nada doado poder ir máis aló. Resulta altamente complicado poder resolver favorablemente situacións como a do edificio Fenosa ou a do destino dos terreos do porto, caramelos envelenados que deixaran sen afrontar gobernos precedentes, cuestións estas tratadas impecablemente por José Manuel Ponte, que, consecuentemente, non entende  que o alcalde saínte puidese ser acusado de non ter feito nada, cando na súa opinión foi un dos mellores alcaldes que houbo na cidade. Desde logo o mellor dos que me tocou coñecer.

Á vista dos resultados, estou convencido de que acertou renunciando a continuar na primeira liña. É un xesto que o honra e do que deberían tomar boa nota todas esas xentes que se aferran a cargos e carguiños do xeito máis indigno. Así nos vai. Velaí o señor Iglesias pedindo a voces ser ministro. De que? 

Eloxio da dignidade

Te puede interesar